“Farta” dos “machos alfa da política”. Así se declarou na mañá do sábado diante dos medios de comunicación a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, quen acompañada das candidatas por Ourense e Lugo, Noa Presas e Olalla Rodil, presentou as propostas das nacionalistas en materia de igualdade e de loita contra o terrorismo machista.
Pontón acusou os “machos alfa da política” de considerar as mulleres “un mero decorado de campaña electoral” e reivindicou o voto ao BNG-Nós como a “mellor opción” para aquelas persoas cansas desa situación. Tamén defendeu a papeleta do BNG como a mellor “para quen quere deputados e deputadas que defendan os intereses dos galegos e das galegas sen ter que pedir permiso a Rajoy, Sánchez ou Iglesias”.
Pontón, sobre o debate a catro: “Ningún dos catro magníficos dedicou nin un só minuto a falar das súas propostas en temas de igualdade e violencia de xénero"
A portavoz nacional do Bloque apelou a vivir “nun mundo en igualdade real, máis aló de política dos floreiros” e reivindicou que o “cambio sexa real tamén para as mulleres”. Neste contexto censurou a actitude dos candidatos estatais que participaron no debate televisado a pasada segunda feira, “ningún dos catro magníficos dedicou nin un só minuto a falar das súas propostas en temas de igualdade e violencia de xénero, malia o asasinato continuado de mulleres e malia que cada día hai 300 denuncias por malos tratos”.
Propostas salientadas por Pontón
Entre as propostas defendidas por BNG-Nós, Pontón salientou a penalización ás empresas que paguen un salario inferior ás mulleres que aos homes por igual traballo; o incremento dos permisos de maternidade e paternidade para facilitar a conciliación familiar e laboral; a inclusión do termo feminicidio na lei para non deixar fóra ningunha situación de violencia de xénero e a aprobación do estatuto da vítima de terrorismo machista.
Presas: "Non estamos en política para ser as primeiras damas de ninguén"
A número 1 por Ourense, Noa Presas, instou a condicionar sen maiorías absolutas un Goberno que se “comprometa en serio coa erradicación da discriminación e das prácticas sexistas tamén na esfera pública” e instou as mulleres “a protagonizar a vida política e tomar os centros de decisión, porque non estamos en política para ser as primeiras damas de ninguén”.
Rodil carga contra a discriminación laboral
Olalla Rodil, cabeza de cartel por Lugo, referiuse á discriminación laboral e salarial que padecen as mulleres e denunciou os “teitos de cristal” e os casos de traballadoras que son despedidas por quedaren embarazadas, unha situación, dixo, que se agravou “coas políticas neoliberais que aproveitan a crise para cargar sobre as mulleres o coidado dos dependentes e das persoas maiores, devolvéndonos ao papel de coidadoras”.