“Somos unha nación”, di o lema

O BNG conmemora un século da Asambleia Nazonalista de Lugo

O século transcorrido desde a I Asambleia Nazonalista de Lugo —celebrada os días 17 e 18 de novembro é, para o BNG, o século do nacionalismo, “un movemento que quere romper coa regresión que vivimos e que coloca no centro do debate a nación galega”. A campaña Somos unha nación conmemora estes cen anos.
 

Xavier Campos e Ana Pontón
photo_camera O responsábel de comunicación do BNG Xavier Campos e portavoz nacional Ana Pontón coa imaxe da campaña 'Somos unha nación'. Foto: BNG.

Unha acuarela realizada por Leandro Lamas será o eixo visual da iniciativa. “Representa o nacionalismo como un proxecto colectivo que arrinca nas Irmandades da Fala e continúa hoxe no Bloque Nacionalista Galega”, explican desde o propio BNG.

A portavoz nacional da organización Ana Pontón e o seu responsábel de comunicación, Xavier Campos, presentaron a campaña esta cuarta feira. “É unha campaña en positivo para reivindicar Galiza como unha nación fronte á involución democrática, unha celebración desde o orgullo de ser galegos e galegas con voz propia no mundo e con dereito a decidir o noso futuro”, expuxo Pontón.

A líder do Bloque lembrou como o encontro de Lugo, do que saíu un Manifesto crucial para o futuro do galeguismo político, “significou un punto de inflexión porque supera o rexionalismo e asume que Galiza é unha nación dentro dun Estado plurinacional”. “Un século despois o nacionalismo segue a ser máis necesario cá nunca e se hai unha nación sen Estado que precisa desta ferramenta para avanzar, esa é Galiza”, engadiu.

Pontón subliñou que, “máis aló de conxunturas puntuais”, “Galiza ten un movemento nacionalista moi forte con vertente sindical, cultural, social e con pegada política e influencia política que vai máis aló das citas electorais”. Segundo ela, “os grandes debates políticos do país correspóndense maioritariamente con iniciativas políticas do BNG” e puxo como exemplos a transferencia da AP-9, un novo modelo de financiamento, a proposta dun novo marco político e institucional ou a tarifa eléctrica galega.

O responsábel de comunicación do BNG, Xavier Campos, afirmou que a campaña “celebra un feito histórico do nacionalismo que mira cara ao futuro para destacar non só a plena vixencia, senón a absoluta necesidade do nacionalismo no contexto actual para construír un país mellor”.

Este sábado 17 de novembro, en Lugo, será o acto central da campaña do BNG. Alí, na porta da muralla de Bispo Aguirre, “o BNG deixará claro que existe unha alternativa sólida á dependencia do Estado que o PP reserva para Galiza”. Ademais, a organización nacionalista “desenvolverá a iniciativa polas distintas vilas e cidades do país e nas redes sociais, con audiovisuais pedagóxicos e divulgativos dos diferentes fitos do nacionalismo”.

Comentarios