Xornada feminista en Pontevedra

O BNG pedirá que o Parlamento reprobe os xuíces da Manada

A xornada Retos desde Galiza para avanzar en feminismo, organizadas este sábado en Pontevedra polo BNG, incluíron un anuncio: o grupo parlamentario nacionalista pedirá que o Parlamento galego reprobe os xuíces que a pasada quinta feira ditaron sentenza sobre a Manada.
 

BNG
photo_camera Dirixentes do BNG coa portavoz Ana Pontón (terceira en primeira fila pola esquerda), na xornada feminista de Pontevedra.

Anunciouno a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, para quen o ditame expresa “un caso de machismo xudicial”. Segundo Pontón, o BNG reclamará que os maxistrados que emitan sentenzas machistas “sexan apartados da carreira xudicial”. “Esas sentenzas destilan o máis rancio machismo e alentan a impunidade dos violadores”.

Para Ana Pontón, o sucedido co xuízo á Manada non é “algo puntual”. “É un caso máis de machismo xudicial que nos afecta a todas, e non imos permitir que nin a Manada nin os xuízos que amparan a súa violación se saian coa súa”.

Fortalecer o feminismo organizado


Segundo a líder do Bloque, “é imprescindíbel fortalecer o feminismo organizado en Galiza e un feminismo forte no ámbito político”. Para colocar a cuestión da discriminación da muller no centro do debate político, a fronte nacionalista convocou Retos desde Galiza para avanzar en feminismo, coordinada pola responsábel de acción feminista da organización, a deputada Noa Presas.

“O feminismo está na base fundacional do BNG”, lembrou Ana Pontón, quen mencionou fitos como “o impulso desde o Congreso a despenalización do aborto en 1996” ou, en 2007, no Goberno bipartito, “a lei de violencia de xénero máis avanzada de todo o Estado”.

“Se hoxe no Estado a desigualdade tivese rostro”, afirmou, “sería o dunha muller galega e pensionista. A dependencia política que soportamos fai necesarias propostas específicas sen caer nun feminismo de corta e pega que non atenda á nosa realidade, non para afastarse senón para ampliar as zonas de contacto que permitan entender as causas da desigualdade e combatelas”.

Comentarios