O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa no Congreso para instar o Goberno español a modificar o artigo 91 da lei do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) para aplicar á distribución de auga, gas, calor, frío, enerxía eléctrica e demais modalidades de enerxía o tipo de IVE reducido de 4% en lugar de 10% ou 21%, estabelecidos actualmente na lei.
Para o deputado do BNG, Néstor Rego, “é evidente que ese tipo xeral -de IVE- non é o adecuado se verdadeiramente consideramos que o consumo eléctrico é un ben esencial e necesario”.
Nese sentido, afirmou que "o actual contexto marcado pola crise económica que se deriva da pandemia e das restricións aplicadas para combatela, fai necesario que se adopten medidas que sirvan de axuda ás persoas consumidoras e usuarias”.
Con todo, o nacionalista aclarou que son "conscientes de que a baixada do IVE non soluciona o grave problema dos excesivos custos da electricidade no Estado, obxectivo que requiriría doutras medidas máis contundentes como a nacionalización do sector eléctrico e, no caso da Galiza, dunha tarifa eléctrica galega”, destacou.
En todo caso, incide en que a rebaixa do IVE reduciría os custos fixos e “serviría como axuda directa para facilitar o pagamento nun momento en que a maioría de fogares afrontan unha redución de ingresos".
Confinamento
A respecto da situación epidemiolóxica, esta segunda feira, 25 de xaneiro, pola mañá, antes de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informase das novas restricións, a líder do BNG, Ana Pontón, urxiuno a pór sobre a mesa un confinamento domiciliario de dúas semanas para "cortar de raíz" a cadea de contaxios, unha medida que a nacionalista viu reclamando nos últimos días.
Pontón subliñou que a expansión do virus “non é responsabilidade dun sector que se está a usar como cabeza de turco para facer que se fai”, indicou en relación á hostalaría, nin de debates "estériles" do recoller obrigatorio”, polo que pediu "responsabilidade" aos Gobernos galego e español.