CGT de Correos advirte nun comunicado que o acordo enviado pola Xunta Electoral Central ao presidente de Correos para que estes traballadores recollan os votos nos domicilios “pode poñer en perigo a viabilidade e seguridade do procedemento electoral do “voto por Correo”.
Lembra que en anteriores citas electorais houbo “ graves dificultades para levar adiante a xestión do voto por Correo, chegando a solicitar até 2 prórrogas ante a xunta electoral central nas eleccións municipais de 2019” e a espera para ser atendidas nas últimas xornadas previas ao remate do prazo “foron especialmente longos”.
Desde a CGT advirten que de cara ás eleccións do 12 de Xullo “podemos estar nunha situación incluso peor”, o que, afirma, “poñería en risco o proceso electoral se Correos non realiza unha contratación masiva de persoal para levar a cabo o procedemento coas debidas garantías e seguridade”.
De 2015 ao 2019 o voto por Correos practicamente duplicouse, pasando de 37.974 a 62.418.
Ademais, a central alerta que o procedemento recollido na devandita orde da Xunta Electoral 320/353 de 28 de maio ao respecto de que “o persoal de reparto poderá recoller o voto no mesmo momento da entrega da documentación” xerará diferentes e graves problemas.
Entre eles, cita as “dúbidas ao respecto da custodia posterior do voto unha vez recollido polo persoal de reparto”.