O compromiso de Rueda que caducou en 48 horas

O presidente da Xunta da Galiza avala, coa escusa do "humor", meter o discurso ultra de Ayuso en precampaña 
Rueda_Nadal_1

Alfonso Rueda, que prometía a pasada quinta feira, ao anunciar o adianto electoral para o 18-F, unhas eleccións galegas centradas na Galiza e afastadas dos "debates" de Madrid non tardou nin dous días en meter pola porta grande o 'ayusismo' na precampaña electoral.  

Rueda defendeu esta segunda feira o vídeo de Nadal do PP estreado esta fin de semana e no que el mesmo conduce o autobús de precampaña fronte ás críticas por incluír un cartel coa frase 'me gusta la fruta' (gústame a froita), que empregou a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, para tentar ocultar un insulto ao titular do Goberno estatal, Pedro Sánchez, desde a tribuna do Congreso. Rueda agradeceu o "enorme éxito" do vídeo e xustificou que ten un ton "desenfadado".

"Era un vídeo de época do Nadal "e feito con humor", recalcou, para salientar o "éxito" deste anuncio que tivo unha difusión "moito máis alá da Galiza". 

Preguntado polos medio onte, após un acto como presidente da Xunta da Galiza, o líder do PP alegou que "un vídeo de Nadal ten que ter chiscadelas, sentidos humorísticos". "Pretendiamos que fose algo desenfadado, tamén con mensaxe, loxicamente era o vídeo dun partido político, pero algo desenfadado para esta época do Nadal, e sinceramente creo que o conseguimos", proseguiu. 

Rueda vinculou a "ese éxito" do vídeo as críticas que chegan "desde os ámbitos políticos", por ter referencias como o 'me gusta la fruta'. 

Por outra parte, o PP da Galiza reuniu onte por primeira vez o seu comité de campaña para empezar a perfilar o camiño ás eleccións do 18 de febreiro, para as que os populares se erixen como garantes únicos da "estabilidade" fronte a un "multipartito".

Comentarios