O Concello de Moraña quer subvencionar como actividade cultural unha ‘capea de vaquillas’

Denúnciao o BNG, que considera unha “burla” que se pretende destinar máis cartos a esta actividade que ás desenvolvidas, por exemplo, pola ANPA da Escola municipal de música. 

capea vaquillas
photo_camera Imaxe dunha capea

O PP de Moraña votou en solitario na comisión de cultura, previa ao pleno municipal da vindeira semana, a favor de conceder unha subvención a unha asociación para que no municipio se realice unha “capea de vaquillas”, unha actividade da que na memoria se indica que posúe unha “tradición arraigada” neste concello da comarca de Caldas de Reis.

O BNG morañés informa que o PP deulle a esa actividade das puntuacións máis altas no baremo, polo que a subvención que recibiría esta ‘capeada’ andaría polos 1.500 euros. Unha cifra moi superior, indican os nacionalistas, á que reciben outras actividades, como o Serán Magosteiro (menos de 850 euros) ou os bailes organizados pola ANPA da Escola municipal de música (569 euros).

O Bloque de Moraña denuncia, ademais, que esta actividade con cumpre cos requisitos e condicións establecidos nas bases de actividades culturais, para alén da crítica a que o PP destine máis axudas a esta ‘capea’ que a outras programacións culturais. A maiores, o BNG reitera o seu posicionamento contra “tradicións foráneas como as capeadas, as touradas ou espectáculos varios q nada teñen que ver coa nosa realidade cultural e que teñen a súa base no maltrato animal”. 

Comentarios