Un partido dividido ao 50 por cento e con dous bandos que se negan reciprocamente a súa lexitimidade: nen o secretario xeral recoñece a autoridade da presidenta do Comité Federal nen ás avesas. De continuar o conflito nestes termos, non é desbotábel que os críticos recorran á vía xudicial.
O sector de Sánchez invoca os estatutos para afirmar que a demisión da metade máis un dos membros da Comisión Executiva Federal non implica a queda do secretario xeral, senón a convocatoria dun Comité Federal previo á dun congreso extraordinario.
Os críticos non queren ese congreso extraordinario antes de que se produza o desbloqueo político no Estado, desenlace que pasaría -segundo defende o seu chefe de filas, Felipe González- por unha abstención que viabilizase a investidura de Rajoy.
Neste momento, na sede de Ferraz está a decorrer unha reunión dos membros da Executiva federal que fican fieis a Sánchez, en tanto que a presidenta do Comité Federal, tamén presente na sede socialista, non ten tido suceso na súa pretensión de se reunir co secretario de Organización, César Luena. Quen a recibiu foi o xerente da formación política.
Os críticos tampouco conseguiron que se reunise a Comisión de Garantías e Ética do partido, un órgao que só pode ser convocado pola súa presidente, afín a Sánchez, embora a maioría dos seus membros (3 sobre 5) participen da rebelión contra o secretario xeral.