Currás desafía á xustiza e di que non cesará aos concelleiros imputados por prevaricación

O alcalde compostelán súmase á estratexia de Feijóo de facer como se nada pasase no Concello de Compostela. O rexedor pide ao PPdeG que faga unha ''excepción'' e non aplique o código ético do partido no caso dos edís da súa equipa de goberno, 7, imputados por prevaricación. Mentres, a oposición exixe medidas contundentes e na cidadanía aumenta a indignación.

Se o capitán do barco fai como se nada pasase porque tería o capitán de cuberta que dar a cara? Iso é o que dá a sensación que acontece en Compostela. O presidente da Xunta e do PPdeG fai como se non fose con el a apertura de xuízo oral a sete edís do goberno local (PP) de Compostela por prevaricación. Sinalado o camiño por Feijóo, o alcalde de Santiago, Ángel Currás, segue a mesma liña.

Malia ter a sete integrantes do goberno local prestos a entrar no banco dos acusados (e con peticións de 9 anos de inhabilitación para cargo ou emprego público) Currás enrócase e aposta en non cesalos. Confía, ao igual que o PP de Galicia, en que prospere o recurso ante a Audiencia Provincial.

José Luis García Bello, María Pardo Valdés, María Castelao, Francisco Javier Noya, Cecilia Sierra, María Amelia González Brandariz e Juan de la Fuente. Eis os nomes dos sete concelleiros e concelleiras do grupo de goberno do Partido Popular no Concello de Santiago de Compostela aos que se abre xuízo oral por estaren imputados por prevaricación. Na súa conduta apreciaron indicios de criminalidade quer a xuíza instrutora do caso quer a fiscalía.

Código ético

O alcalde compostelán pide unha excepción ao PP na aplicación de medidas recollidas no seu código ético. Ángel Currás defendeu a presunción de inocencia dos edís imputados e argumentouno baseándose na "dúbida razoable".

Demisións

O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, expresou a preguntas de xornalistas que este Goberno local do PP está “absolutamente desacreditado, deslexitimado, desprestixiado; ademais de ser incapaz de xestionar o día a día da capital de Galiza”.

Neste sentido, indicou que o PP ten dúas opcións: “seguir mirando para outro lado ou actuar dunha vez para evitar que Santiago se desangre, tanto a súa imaxe como o seu funcionamento durante 15 meses máis e iso está nas mans do PPdeG”.

Comentarios