PP
As 40 propostas de resolución presentadas polo PP neste debate do estado da Nación agrúpanse en cinco bloques: economía e emprego, sectores produtivos, políticas de benestar, infraestruturas e un grupo de temática institucional.
Entre as iniciativas, os populares piden reforzar o papel de representación territorial do Estado e facilitar a localización de vítimas do franquismo. Tamén inclúen unha iniciativa para condenar "o abuso das prerrogativas parlamentarias" que ser deputado, afirman, fai o portavoz de En Marea, Luís Villares, e a deputada Paula Quinteiro.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor o discurso ofrecido por Núñez Feijóo "absolutamente centrado na mellora de Galiza" fronte a unha oposición "sen ideas, sen rigor e sen proxecto ".
En Marea
Antón Sánchez foi o encarregado de presentar as 40 propostas de resolucións de En Marea, centradas en cuestións como “bilndar” os servizos públicos. Unha listaxe na que se tocan diversos temas, desde as infraestruturas e o combate á precariedade até a defensa do dereito a decidir. Entre as iniciativas, salientar a que insta a Xunta a un “cambio radical” na política laboral para combater a precariedade ou a que pide promover mecanismos para permitir “o dereito a decidir” ao tempo que avoga pola “liberdade das persoas presas por defender lexitimamente as súas conviccións políticas”.
O establecemento dun sistema de renda mínima “eficaz e inclusivo”, a blindaxe do sistema público de sanidade ou promover un maior compromiso e investimento en I+D+i son outras das propostas presentadas desde En Marea, así como unha que demanda unha “AP-9 galega e 100% pública”.
O cambio na política lingüistica, a defensa dun sistema de ferrocarril acaído ao país, a derrogación da Lei de iniciativas empresarias ou o apoio á pesca artesanal centraron outras das iniciativas presentadas polo grupo dirixido por Luis Villares.
Antón Sánchez tamén destacou a situación do rural e a necesidade de implementar un modelo que free o despoboamento, o avellentamento e a perda de superficie agraria que este sufre
PSdeG
A viceportavoz socialista, Patricia Vilán, presentou as 40 propostas de resolución que o PSdeG formula no debate do estado da Nación e que procuran, dixo “conectar coa realidade do país”. Así, reclamou a proposta para reforzar o emprego en Galiza, reivindicando o impulso do diálogo social para consensuar medidas de recuperación das condicións de traballo.
O PSdeG tamén propón impulsar medidas para “recuperar a forza dos servizos públicos”. Neste sentido, reclaman un mínimo de 20 centros de saúde no horizonte de 2020, para o que piden un investimento mínimo de 10 millóns de euros.
Abrir ás visitas gratuítas o Pórtico da Gloria e os demais monumentos declarados BIC titularidade da Igrexa conforman outras das resolucións propostas desde as filas socialistas
BNG
Ana Pontón e Olalla Rodil, portavoz e viceportavoz do BNG, presentaron as propostas de resolución dos nacionalistas neste debate do estado da Nación, un total de 40, que tratan desde reverter os recortes até mercar o cadro ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao. Propostas estruturadas en varios bloques e que teñen como eixo que Galiza conte con “máis poder político e benestar social”. Apostar nun novo modelo de financiamento, -concerto económico-, e abrir nunha ponencia parlamentar para avanzar no autogoberno real son algunhas das medidas propostas
En materia de benestar social reclámanse os 186 millóns de euros que debe o Estado en dependencia, incrementar as pensións máis baixas en 100 euros mensuais e un salario de inserción laboral equivalente o SMI. Tamén se propón destinar 2,5% do PIB ata o ano 2020 para poñer Galiza “na senda da innovación e unha política industrial contra as deslocalizacións de empresas”
En relación á calidade democrática, os nacionalistas propoñen avanzar na recuperación dos dereitos laborais, conseguir unha radio e televisión públicas de todos e todas, “para que deixe de ser o aparello de propaganda do PP”, e traballar na aplicación da memoria histórica, incluída a recuperación do Pazo de Meirás.