O debate na CRTVG rexistrou 150.000 espectadores de media

Tivo 18% de cota de pantalla e logrou reunir nalgún momento diante da pantalla 345.000 persoas.

debate elecciones autonómicas 18F en TVG
photo_camera (Foto: Europa Press)

O debate desta segunda feira na CRTVG entre os cinco candidatos e candidatas nas eleccións galegas de 18-F tivo unha audiencia máis que notábel.

Segundo datos que publicita Barlovento Comunicación, unha consultora audiovisual e dixital especializada, o debate electoral rexistrou 345.000 espectadores únicos (AA). Persoas que nalgún momento estiveron vendo esta emisión. Logrou 150.000 espectadores de media e 18% da cota da pantalla neses momentos. Ou sexa, case 2 de cada 10 que neses momentos estaban vendo a televisión optou polo debate.

O debate electoral da CRTVG  nas eleccións de 2020 foi seguido por 127.000 espectadores de media, o que representa un 15,8 % de cota de pantalla. Así pois, o debate destes comicios tivo unha maior audiencia: 23.000 espectadores máis e 2,2 puntos máis de cota.

O debate desta segunda feira tiña un punto de interese a maiores, o derivado da bolsa de persoas que aínda non decidiron o seu voto cara ao 18-F. Neste sentido, o barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics para Nós Diario sitúa o número de persoas indecisas en arredor de 20%, o que significa que perto de 456.000 persoas aínda non decidiron o seu sentido do voto.

Comentarios