Alternativa Galega de Esquerda denuncia nun comunicado “o abandono ao que a Xunta ten sometidos aos familiares dos feridos do accidente de tren en Angrois que tiveron que se trasladar a Santiago para atender aos seus durante o seu ingreso hospitalario”.
"Os familiares dos feridos no accidente teñen que facer fronte os importantes gastos que supón o seu desprazamento ata a nosa comunidade unicamente coas cantidades que as distintas aseguradoras lles ofrecen"
Sinalan desde AGE que foron os propios familiares os que “trasladaron a súa preocupación e malestar aos deputados da formación pola falla de interese demostrada polos responsables da administración que a día de hoxe nin tan sequera se molestan en saber cal é a súa situación para tratar de buscar unha solución as súas necesidades de hospedaxe e demais gastos de estancia”.
A coalición parlamentar considera que a realidade é que “existe un déficit de atención pública dos familiares dos feridos no accidente que teñen que facer fronte aos importantes gastos que supón o seu desprazamento ata a nosa comunidade unicamente coas cantidades que as distintas aseguradoras lles ofrecen, cartos insuficientes na maioría dos casos e que unha vez se supera a cantidade estipulada vense na obriga de adiantar os cartos que despois terán que reclamar se os queren recuperar”.