A discusión sobre o modelo organizativo abre unha crise en Podemos

As bases reclaman eleccións primarias abertas para escolleren a equipa que organizará a asemblea fundacional da organización.

Podemos

O malestar orixinado entre algún dos círculos de Podemos --nomeadamente da asemblea de Madrid-- devén do anuncio, en comparecencia de imprensa, da convocatoria da asemblea fundacional da organización. Na súa intervención pública, Pablo Iglesias, avanzou que para artellar a xuntanza el propio achegaría unha relación de nomes que pasarían a configurar a comisión organizativa do conclave. Esta decisión, adoptada pola dirección de Podemos, non foi ben acollida entre as bases que reclaman a convocatoria dunhas eleccións primarias abertas.

Segundo a información recollida polo diario español El País, un dos dirixentes de Podemos, Juan Carlos Monedero, mesmo tería alertado dun "golpe de Estado" dentro da organización liderada por Pablo Iglesias que visa, afirmou, converter o partido nunha "corrente á esquerda de Izquierda Unida" --en relación coas voces que falan xa dunha hipotética confluencia de ambas as dúas formacións nas eleccións xerais do vindeiro ano.

Podemos podería converterse na terza forza política do Parlamento español segundo os inquéritos

Neste senso, a asemblea fundacional de Podemos tórnase un conclave de grande importancia pois del sairá eleita a dirección política. Porén, as críticas das bases non fican aí. Segundo El País, algunhas das persoas que amosaron o seu rexeitamento ao modelo organizativo proposto por Iglesias, terían criticado tamén o protagonismo deste nas eleccións europeas.

Desde a actual dirección de Podemos, Íñigo Errejón saíu ao paso das informacións publicadas asegurando que "a discusión aberta" é unha "seña de identidade" da formación polo que se senten orgullos@s de que "a discusión se coñeza".

Cumpre lembrar que Podemos se converteu na revelación política das eleccións europeas. Cun 8% do voto no conxunto do Estado español obtivo 6 eurodeputad@s. De acordo cos últimos inquéritos publicados, nunhas eleccións a Cortes españolas, Podemos podería converterse na terza forza política, sobrepasando a Izquierda Unida.

Comentarios