Feijóo non pousa as tesoiras: haberá máis recortes

Confirmouno este domingo Alfonso Rueda mentres o presidente galego está de viaxe por América. Para ''adaptarse'' ao déficit imposto desde Madrid, haberá que seguir a facer ''axustes''. Dixo que ''non tocaremos o esencial''. Desde Cuntis, o BNG chama á mobilización social o Día da Patria contra unhas medidas ''inmorais, inxustas e inúteis''
photo_camera Imaxe: BNG

Anunciara a súa abstención, mais finalmente votou a favor e agora matiza que foi "un si crítico". A Xunta de Galiza, por boca do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda --que nestes días asome as funcións de Feijóo mentres este está de viaxe visitando a emigración galega en América-- confirmou este domingo ante os micros dunha emisora de radio que apoiar o novo obxectivo de déficit aprobado no Consello de Política Fiscal e Financeira suporá novos recortes na Galiza, se ben procurou tranquilizar ao engadir que "non tocaremos o esencial, o que lle cómpre á xente".

Así as cousas, as novas condicións impostas ás comunidades pasan porque estas cumplan o 0.7% en 2013, unha cifra "complicada de alcanzar" tal e como recoñeceu Rueda, quen explicou que o Goberno galego "analizará" as medidas a tomar para "adaptarse" a tal obxectivo. Rexeitou axustes "drásticos", e sinalou que a Xunta seguirá a facer recortes "onde se poida".

Contra a machetada asestada aos dereitos sociais polo PP --ora desde a Xunta ora desde Madrid--, o BNG voltou chamar este domingo á mobilización para o Día da Patria en Compostela. Nun acto en Cuntis, o voceiro nacional Guillerme Vázquez tildou de "inmoral, inxusta e inútil" a política de recortes emprendida, e pediu un referendo para que o pobo decida ante un Goberno "sen lexitimidade". Así, a formación frontista levará ao Congreso iniciativas para pedir ese referendo e, de non convocarse, Vázquez instou a Rajoy a adiantar as eleccións. "Sería o lóxico e o democrático", enfatizou.

Sobre o novo recorte imposto á Administración galega pronunciouse nestes días o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, quen sinalou que a débeda das comunidades "é inferior á porcentaxe do gasto que teñen que administrar e a súa débeda é en termos relativos moi inferior á da Administración central, apenas é o 19 por cento da débeda pública total". Así, informou o deputado nacionalista que o Goberno español emprega a crise "como coartada para impor as súas políticas centralistas e antisociais", como queda claro tras o empoderamento das deputacións e o recorte no financiamento á Xunta, desde onde se administran, xustamente, os "alicerces básicos" do estado social.

Críticas á viaxe ''electoralista'' de Feijóo
Os tintes electoralistas colocaron a viaxe a América de Alberto Núñez Feijóo no albo das críticas da oposición. Mentres Alfonso Rueda considerou que "todos deberiamos desexar que a viaxe teña éxito" e viu "lóxico" que se empreguen cartos públicos para pagar un billete de avión a Uruguay, Arxentina, Brasil e Colombia, pois @s galeg@s alí emigrad@s "seguro que devecen por ver o seu presidente", BNG --Jorquera-- e PSOE --Marisol Soneira-- exixiron do titular do Executivo nacional que deixe de "fuxir" e que "asuma a súa responsabilidade" explicando no Parlamento como afectarán a Galiza os recortes.

Comentarios