Feijóo dedicoulle a meirande parte do seu tempo a dirixirse ao portavoz do Grupo Parlamentar do PSdeG-PSOE, José Luis Méndez Romeu, e ao portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera. Comezou a alusión ao parlamentar nacionalista salientando “a admiración que lle profeso” e advertíndolle de que “ten que respectar que Galiza non é nacionalista”, polo que “non podemos aplicar políticas nacionalistas”.
“Contou vostede a xente que marchou do país durante a crise, mais non contou a que entrou”, reprochoulle Feijóo a Jorquera. Despois de defender a súa política enerxética, Feijóo dedicouse a gabar a súa política lingüística: citou o logro do dominio .gal; do nivel de uso e coñecemento da lingua ou o número de xornais en galego na rede.
En alusión ao “váiase señor Feijóo” que lle espetara Jorquera, o presidente da Xunta agradeceulle que o comparara con Felipe González, “o mellor presidente que tivo e terá o PSOE nas próximas décadas”.
Jorquera: "Non se preocupa dos custos do centralismo"
Jorquera respondeu co “problema de centralismo” que padece Galiza, un centralismo de cuxos custos non se preocupa Feijóo. Acusouno de ser o responsábel, coas súas políticas, do “fiasco do sector eólico” e da sangría de emigración xuvenil. Sobre o financiamento, culpouno de non querer revisar o sistema “o ano pasado, cando tocaba”.
Tamén se referiu á lingua para advertir de non se están cumprindo os obxectivos da Lei de Normalización. Aludiu despois aos desafiuzamentos, á situación inxusta que pesa sobre as persoas emigrantes retornadas, ao deterioro da sanidade e á “escasa” execución dos orzamentos de 2014. Un dos exemplos que puxo foi en materia de emprego, onde “deixaron de executar un euro de cada tres”.
Méndez Romeu: “Se os datos son estupendos, por que non veñen empresas a investir en Galiza?”
No que respecta a Méndez Romeu, o presidente da Xunta tirou de datos sobre novas infraestruturas e equipamentos públicos, facendo fincapé nos centros sanitarios, así como na cobertura da dependencia e das escolas infantís.
“Se todo ía tan ben por que tiveron que destituír a conselleira e por que todos os días protestan profesionais e usuarios?”, replicoulle Méndez Romeu a Feijóo, para logo falar do estado de execución dos orzamentos do IGAPE. “Se os datos son estupendos, por que non veñen empresas a investir en Galiza?”, preguntoulle.
Beiras: “Son uns reaccionarios e isolacionistas”
Sobre Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova, Feijóo tratou de descualificar a súa intervención asegurando que se trataba do mesmo discurso que impartira nunha conferencia na Facultade de Ciencias Políticas, “un discurso que tratou de adornar cos sete pecados capitais”. Lembrou, a continuación, a cantidade de alcaldías que gañou o Partido Popular.
Precisamente, Beiras contestoulle “que están sós porque son reaccionarios e isolacionistas”. “Non é que sexan a lista máis vostede, hai unha dereita e unha esquerda, e vostedes son a ultradereita”, salientou. O momento máis polémico da intervención de Beiras tivo lugar cando convidou a nova conselleira de Medio Rural a saír ao estrado para dar conta das “mentiras” profesadas aos gandeiros e gandeiras da terra de Melide.