Nin os datos da EPA nin as denuncias das centrais sindicais que alarman das consecuencias sociais e económicas dunha taxa de desemprego do 21% --do 50% entre a xente moza-- fan recuar ao executivo galego do que se está a converter no seu mantra no que vai de lexislatura. Se o presidente da Xunta asegura nas súas intervencións que Galiza é un referente na xestión económica, o Partido Popular gábase dos datos tirados polos indicadores e afirma con rotundidade que Galiza presenta as mellores cifras de desemprego do Estado.
Neste senso, o presidente do executivo galego viaxa esta seguda feira a Madrid para se reunir con Mariano Rajoy após cumprírense os primeiros 100 días do seu mandato. Segundo o Partido Popular o obxecto da xuntanza é presentar a Galiza "como a aliada estratéxica" do Goberno español habida conta, afirmou a voceira do partido Paula Prado, de que a nosa nación "volve a demostrar que é unha comunidade solvente, rigorosa e fiábel". Aliás, aseguran desde o PP Feijóo amosará ao presidente español "o seu compromiso co Estado das Autonomías" nun momento en que as tensións soberanistas botan un pulso ao executivo central.
Na súa visita, o líder d@s populares galeg@s quere deixar claro a Madrid que o Goberno galego apoiará as medidas deseñadas desde o Estado español e cotinuará adiante cos plans de reforma que o executivo de Mariao Rajoy prevé aprobar.