Feixoo, o "desleixo" de Sánchez: "Que máis ten que pasar para que actúe?"

O aínda presidente da Xunta afirma que España o "motiva, apaixona, ilusiona e compromete", polo que lle "doe" que o Goberno "non estea á altura dos españois".
Alberto Núñez Feixoo, co líder do PP vasco, Carlos Iturgaiz, esta sexta feira, en Bilbao (Foto: H. Bilbao / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, co líder do PP vasco, Carlos Iturgaiz, esta sexta feira, en Bilbao (Foto: H. Bilbao / Europa Press).

O presidente da Xunta da Galiza e candidato a liderar o Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, pediu ao Goberno de España que actúe "xa" ante a grave crise económica e criticou o seu "desleixo, parsimonia e indolencia". "Que máis ten que pasar para que tome decisións?", cuestionou.

Ademais, acusou o presidente, Pedro Sánchez, de "soberbia", e advertiuno dos "prexuízos" que se terían evitado de ter sentado a negociar cos transportistas "o primeiro día". "Quérese dar ao sector do transporte o que se lle debería dar desde o primeiro día para que non houbese ningún conflito", engadiu.

Feixoo, que participou nun acto decorrido en Bilbao, acompañado polo líder do PP do País Vasco, Carlos Iturgaiz, dentro do seu percorrido polas comunidades autónomas para explicar o seu proxecto político, destacou que o Estado español afronta un dos momentos máis difíciles da historia "máis recente", co Goberno "máis frouxo" tamén "da historia recente".

Neste contexto, lamentou que o presidente do Goberno responda co "manual da mala política" a cada problema que xorde: "Confrontar e insultar, sen falar de solucións, senón culpabilizando os demais". "O Goberno nunca ten responsabilidades de nada. Cando os transportistas non poden pagar as súas facturas dos custos de transporte e o que lles pagan a eles non llos cobren, insúltanos, enfróntanos aos gandeiros, os pescadores ou empresas de distribución", engadiu.

Tamén lembrou que "os fogares sofren, desde hai máis dun ano, unhas facturas da luz e de gas que impactan cada día máis nas súas facendas e nos seus soldos", mentres que o Goberno di "que vai actuar ao final de mes, coma se non levásemos moitos meses con dificultades para chegar a fin de mes". O dirixente popular reprochou que, cando "as economías domésticas se resenten co prezo da cesta da compra", culpe o presidente de Rusia, Vladimir Putin.

"Todo o que ocorreu en España no último ano e medio é como consecuencia da guerra de Ucraína que leva catro semanas", subliñou. Neste sentido, lembrou ao Executivo que hai ano e medio que se vive "con tensións nos prezos, tensións inflacionistas nunca vistas, con prezos de enerxía estratosféricos e coa maior inflación dos últimos 33 anos en España".

O candidato á Presidencia do PP estatal asegurou que España o "motiva, apaixona, ilusiona e compromete", polo que lle "doe" que o Goberno "non estea á altura dos españois". "Este país non precisa palabras grosas, nin tuits nin fotos en Instagram. Non precisa propaganda nin división", argumentou.

Comentarios