A noite de colaxe de cartaces deixounos estas primeiras mensaxes das candidatas e dos candidatos das diferentes forzas políticas.
Alberto Núñez Feijóo. PP. Arranca a campaña na Coruña.
"Non pido o voto para min, pois as galegas e galegos xa mo deron en 2009 e en 2012. Pido o voto para Galiza".
O noso programa é un programa de goberno. É factible e executable. Queremos ir a máis con Galiza."
Ana Pontón. BNG Nós Candidatura Galega. Arranca a campaña na Coruña.
“O BNG é a candidatura de todas as persoas que confían neste país e vai ser clave para empezar ese tempo novo, para que podamos construír unha Galiza de emprego e benestar social. Porque derrotar a Feijóo non chega, non basta con cambiar as caras. Temos que facer algo tan revolucionario como confiar nas nosas propias forzas, como país e como pobo, decidir desde aquí e desde nós o que máis nos convén para poñer o país a producir, xerar emprego e garantir o benestar social”.
Xoaquín Fernández Leiceaga. PSdeG-PSOE. Arranca a campaña en Santiago.
"Os socialistas somos a clave do cambio en Galiza. O cambio en Galiza é imprescindíbel e é urxente, Galiza non pode resistir catro anos máis de parálise".
"O PSdeG é a forza motriz do cambio, é a chave para que se poda producir o cambio o 25 de setembro".
Luís Villares. En Marea. Arranca a campaña en Lugo.
"Comeza a campaña electoral en Galiza, un país en que Feijóo deixa 220.000 parados. Feijóo é paro. Cos xulgados cheos de corrupción, coa Pokemon, con Bárcenas, cos sobres con diñeiro negro. Feijóo é corrupción. Con miles de mozos e mozas obrigados a saír do país para buscar traballo fóra de Galiza. Feijóo é emigración. Cuns servizos de urxencias colapsados mentres hai camas nos hospitais pechadas. Feijóo é mala xestión. Con listas de espera interminables. Feijóo é sufrimento. Con seis desafiuzados ao día. Feijóo é desamparo”.
Xoán Carlos Bascuas. Compromiso por Galicia. Colaxe de cartaces na sede do partido, na compostelá Avenida de Lugo:
"Este partido é necesario para Galiza e ímolo demostrar co feitos, como xa facemos onde gobernamos. Estas eleccións marcan un punto de inflexión no camiño iniciado".
Cristina Losada. Ciudadanos. Deu comezo á campaña en Vigo.
“Ciudadanos é o voto útil para os que non se conforman co que non funciona na Galiza e queren que mellore a calidade de vida dos galegos".