Galiza, o territorio co combustíbel máis caro do Estado

O prezo do barril caeu un 30% o que levou a que no Estado o prezo do combustíbel caese un 13%. Na Galiza, 3 puntos menos

gasolina5
photo_camera gasolina5

Mentres o prezo do barril se reducía até un 30% en Galiza o prezo dos combustíbeis apenas baixou un 10%. No resto do Estado ese descenso superou o 13%. Fomos, ademais, o territorio de todo o Estado con menos surtidores co litro de gasoil por baixo dos 90 céntimos. Estes foron algúns dos exemplos postos polo portavoz de Economía e Industria do grupo socialista no Parlamento galego, Abel Losada, que presentou unha pregunta en Comisión parlamentaria na que denunciou o “desleixo e complacencia” da Xunta.

Losada criticou a pasividade do goberno galego fronte a unhas prácticas por parte das principais distribuidoras “absolutamente lesivas contra os consumidores e toda a actividade económica de Galiza”. Lembrou, ademais, que a propia CNMC amosouse “moi preocupada” por estas prácticas oligopólicas, que castigou cunha multa de 32 millóns contra Repsol, Cepsa e BP, que supón o 1,2 por cento dos seus beneficios. O deputado do PSdeG dixo que a Xunta “pasou de estar primeiro preocupada a agora ilusionada” fronte a unhas medidas e uns instrumentos que se teñen demostrado estériles, xa que as grandes empresas “pagan a multa e continúan impoñendo prezos refractarios á baixa”.

Comentarios