O sábado, o Bayern -que domina con moita clareza a bundesliga- xoga no campo do Eintracht de Frankfurt. Ao termo dese xogo, seu treinador Pep Guardiola -o técnico que fixo do Barça talvez a mellor equipa da historia, desde logo a máis laureada en menos tempo- apañará un voo para estar o domingo en Barcelona e votar na consulta do 9-N, votar e votar SI-SI.
Guardiola dá por suposto que o 9-N si se poderá votar: "Iremos votar porque o Parlament, através do seu presidente, así o ten anunciado, que se pode votar". O treinador do Bayern explica que "nos últimos tres anos" as súas obrigas profesionais lle impediron tomar parte nas "manifestacións" multitudinarias que puxeron o pobo catalán á beira da independencia. "Desta volta si que o puiden combinar e irei. Xa sei a mesa onde podo votar e irei".
O ex futbolista blaugrana -herdeiro de Johan Cruyff na aposta no passing game como estilo de xogo- ten perfeitamente interiorizado o argumentario do Govern: "Non é só unha cuestión de dereito a decidir, éo tamén de liberdade de expresión"