Iglesias derrota Errejón e controlará 60% da dirección de Podemos

Atinxe 37 membros no Consello Cidadán, por 23 dos ‘errejonistas’ e 2 dos anticapitalistas. Pablo Iglesias é reeleito secretario xeral con 89% dos votos. O seu rival, o deputado andaluz J.M. Yagüe obtivo case 11%. 

Podemos Pablo Iglesias
photo_camera Imaxe: Flickr de Podemos

Gañou Pablo Iglesias e fíxoo con claridade. Tanto na lista para a dirección (Consello Cidadán) como nas propostas de documentos, como nas votacións para secretario xeral, Iglesias foi o claro vencedor e Iñigo Errejón o derrotado. A dirección ficará controlada polos de Iglesias, cuxa candidatura conqueriu o 60% dos postos. Obtiveron 37membros no Consello Cidadán, por 23 dos errejonistas (36,5%) e 3,1% dos Anticapitalistas (que terán 2 representantes no máximo órgano de Podemos). Os resultados amosan unha polarización máxima á hora de votar da que saiu prexudicado Anticapitalistas. Os máis votados para a dirección foron Pablo Iglesias, Pablo Echenique, Iñigo Errejón e Irene Montero.

No seu discurso como novo secretario xeral, Iglesias afirmou que entendeu o mandato do congreso que era, dixo, "unidade e humildade". "Votastes un Podemos plural, máis feminino e coral. O vento do cambio segue a soprar e hoxe Podemos é un Podemos máis maduro". Nunha imaxe que lembraba os comezos, a nova dirección cantou sobre o escenario 'L' estaca de Lluis Llach. A intervención de Iglesias rematou aos sons do 'Playa Girón', de Silvio Rodríguez.

Entre os nomes que van estar na nova dirección figura o 'núcleo duro' de Pablo Iglesias, como son Irene Montero, Echenique ou Rafael Mayoral. Tamén facían parte da candidatura 'Podemos para todas' e entrarán no Consello o economista Vicenç Navarro, o dindicalista Cañamero ou o militar Julio Rodríguez. Quen tamén estará na dirección vai ser a galega e deputada no Congreso por En Marea Ángeles Rodríguez, Pam, que facía parte da candidatura de Errejón, Recuperando a ilusión. O ex-senador pola Coruña García Buitrón tamén estará no Consello, ao ser elexido dentro da candidatura 'pablista', Podemos para todas. Outros galegos no máximo órgano de dirección de Podemos son Julio Rodríguez, Pablo Fernández Alarcón e Héctor Juanatey, Todos eles da candidatura 'Podemos Para Todas'.

Na consulta do pasado mes de decembro, convocada para definir as regras do congreso que se realizou esta fin de semana en Madrid, Iglesias obtivera 41,5% de apoios fronte a 39% de Errejón e o máis de 10% dos ‘anticapis’. Dous meses despois, o secretario xeral logrou obter case 20 puntos máis de apoio mentres que os ‘errejonistas’ perdían máis de 3 e os anticapitalistas máis de 7 puntos.

Secretaría xeral

Máis de 155.000 persoas tomaron parte nas votacións telemáticas nesta asemblea xeral de Podemos, todo un récord se ben a cifra é apenas unha terza parte das persoas inscritas neste partido . A inmensa maioría optou por Pablo Iglesias para secretario xeral, revalidando o cargo dun apoio de 128.700 inscritos (89%). Non deixa de sorprender, porén, que o único rival que tiña, o deputado andaluz José M. Yagüe lograse case 11%, perto de 16.000 votos.

Documentos

Tamén nas votacións dos documentos as propostas de Pablo Iglesias se impuxeron con claridade. No documento político obtivo 56% fronte a 33% da proposta de Iñigo Errejón e un case 9% dos anticapitalistas. No documento organizativo tamén se impuxo o de Iglesias, que logrou un 54% de apoios, o de Errejón 34% e anticapis 10%. A maior diferencia deuse no documento feminista por mor de que a `proposta gañadora era a defendida por Pablo Iglesias e os Anticapitalistas: máis de 60%.

Por último, no documento ético o documento proposto polos ‘errejonistas’ saíu derrotado (33%) perante o de Iglesias (53%). Aquí, os anticapitalistas lograron 11%, o seu mellor resultado.

Comentarios