A nova Lei de información clasificada, cuxo borrador aprobou esta segunda feira o Consello de Ministros, non suporá a desclasificación automática de ningún dos documentos xa clasificados até o de agora e que cumprisen os seus prazos, senón que esta irase facendo paulatinamente se así o deciden "de oficio" as autoridades competentes ou a pedimento de persoas afectadas que así o soliciten.
Así o explicou o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, na que informou de que o Goberno estatal agarda poder ter aprobada a nova normativa a finais deste ano ou principios do vindeiro.
O anteproxecto prevé un réxime transitorio de aplicación. Para empezar, non estará en vigor até seis meses despois da súa aprobación polas Cortes, que o Executivo calcula para principios de 2023.
Os documentos xa clasificados seguirán como están, mais poderían desclasificarse
A respecto da "inxente" documentación xa clasificada ou a que se clasifique até entón, en principio, manterase como está, aínda que poderá desclasificarse polas autoridades competentes, quer de oficio quer a instancia dalgunha persoa que teña interese na mesma.
Segundo Bolaños, a regra xeral será "permitir a desclasificación" salvo que afecte á seguridade, a defensa do Estado ou a integridade dunha persoa concreta. Neste punto, o ministro lembrou que os documentos militares anteriores a 1968 xa foron desclasificados no seu momento polo Ministerio de Defensa.
Aliás, o ministro detallou que a nova normativa non prevé ningunha restrición especial para ningunha institución, é dicir, que os documentos relativos á Coroa non gozarán de especial protección.
Múltiples críticas
A reforma foi criticada polas forzas políticas soberanistas con representación no Congreso. Así, o deputado do BNG, Néstor Rego, subliñou: "Após manteren en vigor a lei franquista de 'Segredos Oficiais' de 1968 durante 44 anos de 'democracia', PSOE e UP —e PP— aprobarán outra que estabelecerá un mínimo de 50 anos de confidencialidade naquelas materias declaradas 'secretas'".
Tamén desde EH Bildu sinalaron, nun comunicado, que o anteproxecto "non cumpre coa palabra dada polo Goberno nin responde ás demandas que desde Euskal Herria realizaron durante décadas tanto a sociedade vasca como os partidos e asociacións memorialistas, a fin de coñecer a verdade e buscar xustiza nos numerosos episodios que aínda seguen baixo o manto da impunidade".
Aliás, o PNV lamentou a falta de negociación do texto por parte do Executivo e advertiu que os criterios e prazos estabelecidos "parecen lonxe dos propostos polo Grupo Vasco, chegando mesmo a doblalos, o que resulta, a priori, decepcionante".