En Marea adianta finalmente a escolla de nova dirección

Despois de varias semanas de declaracións cruzadas, emendas e enfrontamentos públicos entre o oficialismo encabezado por Luís Villares e os sectores críticos -dos que os alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol son insignia-, En Marea adiantará finalmente a escolla dunha nova dirección.
 

Plenario de En Marea. 17 de decembro de 2016.
photo_camera Plenario de En Marea. 17 de decembro de 2016.

Esta era a principal reclamación da denominada Mesa pola Confluencia, impulsada por Compostela Aberta e á que asistiron membros de numerosas mareas locais e representantes da dirección de Anova, Esquerda Unida e Podemos. Pero non os villaristas, que sosteñen o mando da coalición. A Mesa pedía acelerar os procesos internos para que estes non se entremetesen coa campaña das eleccións municipais.

Esta sexta feira, o Consello das Mareas -principal órgano de dirección de En Marea- decidiu atender á esixencia e marcou un novo calendario para a remuda da dirixencia. Comezará o 29 de setembro, pasará por un plenario o 27 de outubro en que se debaterán as teses políticas e o regulamento de elección, e rematará “antes de que finalice o mes de novembro”. Un proceso de “votacións telemáticas” servirá para que “todas as persoas inscritas exerzan o seu dereito a expresar a súa opinión sobre quen pensan debe dirixir o espazo político”.

“Este é o Consello onde todo o mundo pode opinar e decidir”, declarou Luís Villares, portavoz do partido instrumental, “e onde se garante que os inscritos e as inscritas teñan a última palabra do que pase no espazo político de En Marea”. En realidade, a maior parte do sector crítico abandonou o órgano despois cando o portavoz mudou de aliados e deu as costas á lista interna coa que optara -e fora o máis votado- a liderar En Marea.

No mencionado plenario de outubro, En Marea tamén decidirá como se presenta ás eleccións europeas de 2019. En 2014, Lidia Senra -daquela militante de Anova- saíu elixida por Alternativa Galega de Esquerda en Europa -integrada nunha lista con Izquierda Unida ou Esquerra Unida, entre outras organizacións- mais a metade de mandato rachou coa candidatura.

Comentarios