Cinco mil millóns de euros máis para os orzamentos estruturan a proposta de En Marea. O seu portavoz, Miguel Anxo Fernán Vello, cualificounos de “contas do estancamento” que manteñen “unha dotación conxelada para Galiza”. A partida medra apenas un 1,3%. A deputada Yolanda Díaz engadiu que “dificilmente se xustifican estes orzamentos cando a economía española medra a ritmo sostido”.
O Goberno de Mariano Raxoi pactounos con Ciudadanos e o PNV. Díaz entrou en materia de pensións e propuxo a eliminación do “máximo de cotización que o Executivo mantén nos Orzamentos Xerais”. O cálculo de En Marea indica que así se ingresarían 7.000 millóns de euros na Seguridade Social.
Outras emendas do grupo parlamentario refírense ás supresión de axudas e reducións ás contratacións “porque non teñen ningún efecto positivo máis que o facer agasallos ás patronais”. En Marea quere incoporar esas partidas, uns 4.000 millóns de euros, ás pensións.
As emendas do grupo de esquerdas inclúen engadir 1.500 euros para a transición enerxética ás renovábeis, 15 deles para Galiza. “A descentralización da distribución de enerxía serviría para paralizar o proxecto mineiro de Touro”, sinalou Yolanda Díaz.
En Marea tamén criticou que o 50% da partida destinada ao país sexa para as obras do tren de alta velocidade a Ourense. “Non se corresponde coas necesidades reais da cidadanía”, afirmou a parlamentaria Alexandra Fernández, quen demandou o “desenvolvemento do eixe atlántico e cantábrico”.
A ausencia de fondos para o cumprimento do Pacto contra a Violencia de Xénero ou a inexistencia de trens de proximidade na Coruña ou en Vigo son outros dos puntos sobre os que o grupo de En Marea pon o foco.