En Marea empraza Feijóo “a ir facendo as maletas”

A formación presentou en Compostela as súas candidaturas para o 25S e afirma estar “en condicións” de desputar o PP as eleccións galegas.

En Marea candidaturas

O compostelán Parque de Galeras foi o escollido por En Marea para presentar este domingo as súas candidaturas para as eleccións do 25 de setembro, unhas listas saídas dun proceso de primarias no tomaron parte máis de 10.000 persoas. Martiño Noriega, alcalde de Santiago, foi o encarregado de presentar o acto, onde fixo unha defensa da necesidade dun “cambio neste país que poña as institucións ao servizo dos e das máis”.

“Feijóo é a miseria moral e política de quen abandona aos seus, é a mensaxe de insolidariedade de traballar so para os amigos”

O cabeza de lista de En Marea pola Coruñla, Antón Sánchez, afirmou na súa intervención que a formación “está en condicións de desputar o Partido Popular” as eleccións galegas e enfatizou que se Feijóo fala tanto contra En Marea é para non ter que falar do seu balanzo nestes anos de xestión. Carmen Santos, número 1 por Pontevedra, considera que “Galiza non pode deixar pasar este momento”, e que En Marea ten como finalidade “facer política para o 99%”. A continuación interviu a candidata por Ourense, Ánxeles Cuña, que salientou o “colectivo talentoso, enérxico e forte” que conforma as candidaturas de En Marea-

“Dignidade”

Luis Villares, candidato de En Marea á presidencia da Xunta, afirmou que “Galiza tivo uns gobernantes que non merecía, non estiveron á altura da xente”.Falou de despexos, de emigración , de desemprego e precariedade laboral como marcas destes sete anos de gobernos de Núñez Feijóo. “A indignación e a fase de alerta de espertar do letargo, o paso seguinte é o compromiso, e iso é o noso compromiso coa xente deste país. Queremos ser a solución dos problemas de Galiza”, dixo Villares. “Feijóo é a miseria moral e política de quen abandona aos seus, é a mensaxe de insolidariedade de traballar so para os amigos. Nos somos a maioría da solidariedade, da dignidade” afirmou.

Villares tamén lembrou que Feijóo dixo que se non gañaba as eleccións marchaba, para engadir que “xa podes ir facendo as maletas”. 

Comentarios