PSdeG sopesa copar os postos da oposición na Mesa do Parlamento sen contar coas outras forzas

A Mesa do Parlamento galego conta con 5 postos, dos cales tres irían para o PP e os outros dous para forzas da oposición. Os socialistas meditan copar eses 2 representantes, rompendo cunha norma de cortesía parlamentar pola cal a vicesecretaría se cedía á terceira forza
Mesa do Parlamento de Galiza
photo_camera Mesa do Parlamento de Galiza

A Mesa do Parlamento de Galiza será unha mesa para dous, PP e PSdeG. Cando menos este sería o escenario se os socialistas levaren a cabo finalmente a opción de quedar cos 2 postos para a oposición. Así, o PP tería tres representantes e o PSdeG, dous. Romperíase deste xeito unha tradición na Cámara galega en que a vicesecretaría recaía na terceira forza, que neste caso lle tocaría á Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

Unha aplicación estrita do regulamento, porén, si que permitiria aos socialistas quedar con eses dous representantes. Mais isto non se facía en anteriores lexislaturas para facilitar que a Mesa fose o máis representativa posibel da composición do Parlamento.

Noutros organismos autonómicos, en que as forzas políticas parlamentares tamén teñen representación, os socialistas xa optaron por copar os representantes da oposición en anteriores lexislaturas. Foi o caso do Consello de Contas, onde só tiñan presenza PP e PSdeG, deixando fóra o BNG.

Esta mesma xogada semella ser a que están a preparar agora os socialistas galegos para a Mesa do Parlamento.