A oposición avisa da “interinidade” de Feixóo

O tantas veces adiado salto de Alberto Núñez Feixóo á política estatal sofre de estrés despois da caída do Goberno do PP e a inmediata dimisión de Raxoi. Se o presidente da Xunta adoitou conducirse ao longo destes anos de acordo aos intereses de Madrid, parece chegado o seu intre decisivo. A oposición parlamentaria advirte da “interinidade” de Feixóo e a parálise do seu Executivo.
 

Parlamento galego, grupos do BNG, En Marea, PSdeG. 22 de febreiro de 2017.
photo_camera Grupos da oposición no Parlamento galego.

“A etapa de interinidade que abriría a súa marcha provocará que Galiza careza de empuxe”, sinalou esta segunda feira o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. A necesidade de que o país non fose para Feixóo “sala de espera VIP” no seu traslado a Madrid xa fora eixe da intervención de Ana Pontón, líder do BNG, na última sesión de control no Parlamento.

A nacionalista afondou na idea e esixiu a a dimisión de Feixóo “no mesmo intre en que presente a súa candidatura”. “Galiza non pode ser un segundo prato”, engadiu. Daqueles solemenes compromisos co país que o aínda presidente da Xunta escenificaba a cada pouco -coa complicidade da prensa- a estar unicamente pendente de Xénova. Desde a moción de censura de Sánchez, case todas as súas intervencións públicas refírense á liorta interna do PP.

“Ten que escoller, ben ser o sucesor de Raxoi, ben ser o presidente de Galiza”, apuntou Pontón. Tampouco desde En Marea entenden que Feixóo poida prolongar a situación de incerteza derivada das súas aspiracións no Estado. Para o seu portavoz Luís Villares, “o normal” no caso de que se cumpran sería “a convocatoria de eleccións”. Aínda que, como case todo no axitado seo de En Marea, non é unha posición compartida por todos os sectores.

En todo caso, Villares afirmou que o traslado de Feixóo a Madrid suporá “a fin dun ciclo político” e que, dado que centrou a última campaña electoral na súa persoa, debería implicar eleccións. “A xente está farta do PP”, dixo.

Alberto Núñez Feixóo ignora a oposición. No último pleno parlamentario amosouse máis nervioso do usual cando o BNG, En Marea ou mesmo o PSdeG atacaron a corrupción estrutural que encouza o Partido Popular e á que, no caso de se ratificar os seus desexos, deberá enfrontarse o aínda presidente do Goberno galego. E todo nun escenario mediático moito menos favorábel aos seus intereses que o galego.

Comentarios