Podem Catalunya critica as “inxerencias” e “formas centralistas” de dirixentes de Podemos

Lamenta as declaracións “desafortunadas” sobre decisións adoptadas pola rama catalá do partido, nunha referencia ao referendo do 1 de outubro.

podemos podem iglesias e fachin
photo_camera Pablo Iglesias e Dante Fachin

Podem Catalunya exixíu esta fin de semana a través dun comunicado a fin das “inxerencias” de dirixentes estatais, aos que reprocha declaracións “desafortunadas” a respecto de decisións adoptadas polo partido en Catalunya. Podem fala de “autoritarismo” e de “formas centralistas” e lembra a Podemos que a dirección catalá foi eleita “democraticamente por miles de cataláns”.

O malestar de Podem coa dirección estatal alargouse a raíz de que Podem expresase o seu apoio ao referendo do 1 de outubro, batendo así coa posición pola que opta a dirección española e que está en sintonía coa que mantén Catalunya en Comú. De feito, e como apontan voces consultadas por diversos medios cataláns, o que hai tras estas diferenzas non é tanto o referendo como a confluencia frustrada con Catalunya en Comú.

Así, mentres Pablo Iglesias é partidario de que Podemos estea en Catalunya en Comú, que pase a confluír no partido de Ada Colau; o secretario xeral de Podem, Dante Fachin, é máis refractario a este escenario. Fachin anunciou dúas consultas internas en Podem para que a militancia decida sobre a confluencia con CeC e o referendo. Algo que non acabou de sentar moi ben na dirección estatal.

Para Pablo Iglesias o seu home en Catalunya non é Dante Fachin senón Xavier Domenech, co que mostra sempre que pode a súa sintonía e o seu apoio. O secretario xeral de Podem, de por parte, afirmou nunha asemblea, ensinando o seu móbil aos presentes, que “hai dous meses que intento contactar con Xavier Domenech e non me contesta”.   

Comentarios