A organización envía un comunicado de imprensa en castelán

Podemos Galicia continúa sen desbotar ir en solitario ás eleccións galegas

A dirección do partido morado non garante a participación de Carmen Santos na cimeira convocada polos tres alcaldes das Mareas para o día 30 en Vigo. Podemos Galicia en ningún caso contempla a súa disolución dentro dunha organización política galega de nova planta.

carmen santos un mar de xente

A dirección do partido morado non garante a participación de Carmen Santos na cimeira convocada polos tres alcaldes das Mareas para o día 30 en Vigo.

Podemos continúa sendo unha das incógnitas a despexar no universo das mareas. A outra é o nome da persoa que vaia encabezar unha hipotética candidatura conxunta entre o partido morado, Anova, Esquerda Unida e as plataformas municipalistas.

Errejonistas e pablistas defenden que a organización galega de Podemos integre finalmente a candidatura, e esa é a hipótese máis probábel a teor de como se foron desenvolvendo as reunións do partido polo territorio galego. Porén, a dirección podemita na Galiza continúa mantendo o discurso de que están abertas as dúas opcións: ou ben ir en solitario ou ben ir en coligazón.

O que ninguén pon en cuestión é a decisión da franquicia galega de Podemos de existir como tal formación e de non subsumirse nunha organización de nova planta. Nun comunicado de imprensa enviado aos meios e chamativamente redixido en castelán (a totalidadade das forzas políticas galegas empregan o galego nas súas comunicacións públicas), a marca liderada por Pablo Iglesias afirma con contundencia que non participará "en nengún proceso de confluencia que leve, de xeito directo ou indirecto, á súa disolución dentro do mesmo".

O que ninguén pon en cuestión é a decisión da franquicia galega de Podemos de existir como tal formación e de non subsumirse nunha organización de nova planta

Sobre a cuestión central a respeito da cal se ten de debruzar a organización, a secretaria xeral galega, Carmen Santos, afirma: "Podemos Galicia aposta por concorrer ás eleccións galegas ben sexa coa súa propia candidatura ou en coligazón con outras forzas amigas coas que xa nos apresentamos ás eleccións xerais ou ampliando esta coligazón con outras organizacións políticas que queiran sumarse".

A decisión definitiva sobre a forma de concorrencia ás eleccións vaina tomar a asemblea xeral de persoas inscritas na organización nunha data aínda por determinar. Antes vaise coñecer a posición que ao respeito adopta o Consello Cidadán, que non é vinculante.

Santos -que parabenizou os tres alcaldes por ter dado impulso político ao proceso das mareas nas últimas datas- irá ao cónclave do día 30 se a súa presenza non colide co decidido polas bases da organización, do que se deduce que a asemblea se irá realizar a próxima semana.

En todo caso, algo fica ben claro: a única opción que Podemos está disposta a avaliar para as eleccións ao Parlamento da Galiza é a da coligazón (a fórmula xa empregue por En Marea), en ningún caso a disolución das distintas forzas nunha organización de nova planta, a pretensión dalgunhas das plataformas municipalista de Mareas en Común.

Comentarios