Pontón pide que se blinde "por lei" o financiamento da Atención Primaria

O BNG insta a Xunta a "escoitar o clamor" cidadán.
Ana pontón, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proclamou o seu "orgullo" polo apoio que obtivo a manifestación pola sanidade pública do domingo, que demostra que "hai alternativa" e que "outra sanidade é posíbel". Non en balde, reclamou ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que "rectifique a súa política" porque só así acerta".

Pontón felicitou os galegos e as galegas por esta protesta "histórica en defensa da sanidade pública e contra un Goberno do PP convertido nun perigo para a saúde". A líder da oposición insistiu en que foi a "maior mobilización deste país nos últimos 20 anos", na que a cidadanía proclamou que "non se rende, non cala e rebélase contra 14 anos de recortes" que están "literalmente esnaquizando a sanidade pública". 

Neste contexto, a portavoz nacional do BNG considera que os galegos e as galegas dixeron "basta xa". "Basta xa de listas de espera para ir ao seu médico de cabeceira, basta xa dos miles de nenos galegos que non teñen pediatra, basta xa dunhas urxencias saturadas onde a xente ten que esperar horas nos corredores para ser atendida", enumerou. Ana Pontón considera que a Xunta ten que "escoitar o clamor dos galegos" e "rectificar a súa política sanitaria", froito "dun PP cego pola soberbia e xordo pola prepotencia".

Propostas

Así, a dirixente nacionalista afirmou que "hai outra sanidade posíbel" tras 14 anos "de recortes" que ela cifrou en máis de 2.300 millóns de euros. Pontón puxo riba da mesa "medidas concretas" como "blindar por lei" o financiamento en Atención Primaria para situala en 25% do total do gasto sanitario como o fixa a Organización Mundial da Saúde.

Así mesmo, suxeriu a creación de "xerencias" en Primaria "con orzamentos e capacidade organizativa", "dignificar as condicións laborais" do primeiro nivel asistencial e ampliar a carteira de servizos para incorporar profesionais en Psicoloxía Clínica, Logopedia, Odontoloxía e Fisioterapia.

Comentarios