O BNG aproba o programa eleitoral

Pontón proclama que “non chega con derrotar Feijóo, hai que mudar o marco político”

A proposta do BNG ao país é dupla: relevar o goberno Feijóo e mudar o “marco político”, de xeito que se rache co “modelo de dependencia”. Así o argumentou este sábado Ana Pontón. O Consello Nacional aprobou o programa eleitoral.

ANA PONTON CONSELLO NACIONAL2
photo_camera Pontón, durante a súa intervención

“Non chega con derrotar Feijóo, hai que mudar o marco político e temos a man tendida para abrir un tempo novo e construír unha Galiza mellor”, afirmou Ana Pontón durante a súa intervención perante o Consello Nacional. 

O máximo órgao do BNG entre asembleas nacionais aprobou este sábado o programa eleitoral da formación frentista para o 25S. Entre as propostas sobrancea a dun financiamento proprio para o país e fiscalidade plena para ter o control do 100% dos recursos. O programa resumiuno Pontón nesta frase: “Poder vivir e traballar dignamente neste país. Niso consiste o programa eleitoral do BNG para o 25S”.

Derrotar Feijóo é condición necesaria, mais non suficiente, razoa o BNG. Os problemas do país non se resolven coa mera alternancia, resólvense apostando nun “autogoberno real” que a líder nacionalista quixese ver “libre de tutelas e sucursalismos”.

Os problemas do país non se resolven coa mera alternancia, resólvense apostando nun “autogoberno real”

Expresou a candidata da formación soberanista que o BNG, en definitiva, “non se conforma con derrotar Feijóo porque iso por sí só non resolve os problemas do país”. O BNG propón “mudar un marco político totalmente ineficaz” e “abrir un tempo novo para construír unha Galiza mellor con emprego e benestar social para todas e todos”.

A respeito da mudanza do marco político, deslizou que as leis “non poden ser un corsé que impida mellorar a vida das persoas”, nunha obvia alusión á profesión de fe constitucionalista coa que se ten revelado na precampaña o candidato de En Marea, Luís Villares.

A candidata nacionalista sabe que a alternativa a Feijóo ten de ser necesariamente plural e por iso proclama que "desde o BNG tendemos a man para abrir ese tempo novo"

A candidata nacionalista sabe que a alternativa a Feijóo ten de ser necesariamente plural e por iso proclama que "desde o BNG tendemos a man para abrir ese tempo novo", até porque "non basta con ser xestores do desastre nin parches ou cambios cosméticos. Hai que rachar coa dependencia de Madrid e avanzar nun novo marco político capaz de garantir emprego e benestar".

Os eixos do programa

A meio dun comunicado de imprensa, o BNG sitúa os "piares" do seu programa no autogoberno real, na confianza no país e na toma de control "do 100% dos recursos propios", isto é, na plena autonomía fiscal, coa criación dunha Facenda galega.

"Conseguiríamos máis recursos e autonomía total para decidir como os investir coa prioridade de crear emprego, financiar os servizos públicos e o benestar social", relatou Ana Pontón. 

ANA PONTON CONSELLO NACIONAL1

Aliás, o BNG quer "competencias plenas" en materia de planificación e promoción económica  "para pór o país a producir e xerar postos de traballo, aproveitando todo o noso inmenso potencial".

ADN da formación nacionalista, o programa do BNG incorpora propostas para impulsar "en todos os ámbitos"  os que cualifica como "sinais de identidade como nación e como pobo", isto é, a lingua, a cultura o patrimonio e o meio natural.

Plan Retorna

Entre as propostas do programa eleitoral salienta o que BNG ten baptizado como Plan Retorna, un programa destinado a "favorecer a volta ao país da mocidade emigrada, especialmente da máis formada como as e os investigadores". O Bloque propón nese sentido unha liña específica para financiar a contratación de traballadoras e traballadores retornados.

Un plano de choque para o resgate e a mellora dos servizos públicos -gratuidade dos libros de texto, supresión dos copagamentos sanitarios...-, a criación dunha banca pública galega -o primeiro paso a dar sería a fundación dun Instituto Galego de Crédito e Investimento- e a duplicación do investimento en I+D+I son algunhas das propostas con máis potencia do programa eleitoral do BNG.

Non falta tampouco un clásico da formación nacionalista galega, a tarifa eléctrica galega, esencial en opinión do Bloque para Galiza aproveitar "a nosa condición de produtores en beneficio de familias e empresas".

Estatuto da Vítima do Feminicidio

En materia de Igualdade, o programa eleitoral do BNG inclui unha Lei de Cooeducación nos centros de ensino, medidas destinadas a garantir a máxima de "a igual traballo, igual salario" e un "combate sen tregua"  contra a violencia machista a meio da criación dun Estatuto da Vítima do Feminicidio.

A recuperación do número de galego-falantes é outro dos obxetivos que se marca o programa da formación frontista, para o cal se propón a realización de "políticas reais de normalización lingüística". Canto á cultura, o BNG considera esencial apoiar a "creatividade galega" como "instrumento de expresión e cohesión social e motor de dinamización económica".

Fotos: BNG

Comentarios