O PP aproba en solitario o teito de gasto para 2018: 9.487 millóns de euros

A oposición censura que o goberno galego continúe a apostar na receita da austeridade.

Pleno do Parlamento galego, 22 de febreiro de 2017.

O Parlamento galego aprobou esta terza feira o teito de gasto de Galiza para 2018 cos votos en solitario do PP e a oposición de En Marea, PSdeG e BNG. O tipo de gasto sitúase en 9.487 millóns de euros, a cantidade aprobada polo goberno galego no Consello da Xunta da pasada semana. O gasto de Galiza poderá aumentar así até 490 millóns de euros a respecto de 2017.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, defendeu o teito proposto e botou man do discurso de “estabilidade” e medre económico para defender que Galiza vai polo bo camiño, indicando que o obxectivo é que para 2020 o gasto público poida estar por volta dos 10.000 millóns de euros.

A oposición non partilla a visión da Xunta e non apoiou a proposta de teita de gasto. Luis Villares (En Marea), resumiu este teito afirmando que responde aos intereses daqueles que “entre pagar medicamentos e pagar a Merkel, escollen Merkel”. Fernández Leiceaga (PSdeG)  ve “insuficiente” a proposta do goberno galego e criticou a política fiscal da Xunta, que debería ser máis progresiva para ter recursos cos que facer fronte ás necesidades do país, entre as que situou o emprego, que medraa menor ritmo que no Estado español.

Ana Pontón (BNG) criticou o testo de gasto por supoñer un “corsé” que impide que se empreguen todos os recursos precisos para atender as necesidades e problemáticas de Galiza. A portavoz nacionalista indicou que estas limitacións de gasto responden a un “disparate centralista”. “Están vostedes felices como unha perdiz porque o teito de gasto se incrementa en 219 millóns cando Galiza podería ter 3.500 millóns de euros adicionais cun modelo de concerto económico como o que defende o BNG”, salientou. Pedro Puy (PP), de por parte, acusou a oposición de vender a “apocalipse total” e defendeu que o teito dará “estabilidade”. 

Comentarios