Tres horas de receso solicitou o grupo parlamentario popular esta terza feira para retomar, após o xantar, a sesión plenaria do Parlamento da Galiza. Unha decisión que provocou malestar nas cadeiras da oposición, pois o habitual é que a pausa previa aos debates da tarde non exceda dunha hora ou, nalgúns casos, hora e media.
Mais desta volta a sesión suspendeuse após o mediodía até as 16.30 horas, e non ás 16h, como soe acontecer na Cámara galega. O motivo? O xantar de despedida dos deputados e deputadas do Partido Popular que abandonarán o hemiciclo esta semana para coller as rendas dos seus respectivos municipios após venceren nos comicios do pasado 28 de maio, segundo precisan a Nós Diario fontes da oposición.
E, aínda así, semella que a sobremesa foi máis longa do previsto e unicamente tres asentos da bancada maioritaria, a do PP, estaban ocupados no reinicio dos debates parlamentarios. A deputada socialista Noelia Otero afeou esta pobre imaxe do Parlamento, que se preparaba para acoller un debate sobre a situación das e dos menores en risco ou desamparo.
"Retomamos, despois de tres horas de receso para comer, o pleno no Parlamento galego falando da situación da infancia con esta imaxe da bancada do PP que fala por si soa", lamentou Otero a través das súas redes sociais.
Retomamos, despois de tres horas de receso para comer, o Pleno no @Par_Gal falando da situación da infancia con esta imaxe da bancada do PP que fala por si sola... pic.twitter.com/E8znbegyhm
— Noelia Otero Lago (@NoeliaOteroLago) June 13, 2023
Tamén a encargada de defender a moción referida aos dereitos das crianzas, a parlamentaria socialista Marina Ortega, cuestionou a ausencia dos populares no inicio da súa intervención por mor do seu xantar de fraternidade.
O esperpento neste Parlamento sempre pode ir a máis. Hoxe e despois dun aumento 'misterioso' de tempo para comer, o PP comeza o pleno do Parlamento con 2 de 42 deputadxs porque estaban literalmente coa sobremesa. Insultan á xente", criticou tamén o nacionalista Daniel Castro.
O esperpento neste Parlamento sempre pode ir a máis.
— Daniel Castro García (@Daniel_CasG) June 13, 2023
Hoxe e despois dun aumento "misterioso" de tempo para comer, o PP comeza o pleno do Parlamento con 2 de 42 deputadxs porque estaban literalmente coa sobremesa.
Insultan á xente. https://t.co/uwvs7j0h3x
Xestión do litoral
Durante a sesión da mañá, o PP vetou a toma de consideración do Parlamento dunha proposición de lei para defender no Congreso o traspaso á Galiza da xestión do litoral, ao considerar esta norma impulsada polo BNG como "inxusta, innecesaria e ilegal".