Eleccións Europeas 9-X

O PP eríxese como defensor do rural mentres Teresa Ribera "está a acariñar algún lobo"

"Os únicos que non respectan o medio ambiente son o PSOE e o BNG co seu ecoloxismo radical", afirma Paula Prado.
Paula Prado e Adrián Vázquez visitaron as instalacións da cooperativa láctea Clun en Ames. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paula Prado e Adrián Vázquez visitaron as instalacións da cooperativa láctea Clun en Ames. (Foto: Nós Diario)

O PP erixiuse esta segunda feira como "defensor" do rural galego nas institucións europeas fronte ao "ecoloxismo radical" do PSOE e o BNG, aos que acusou de responsabilizaren "os gandeiros e agricultores como culpábeis de todo".

"Nós queremos mellorar a vida do sector e vimos directamente a escoitalos e a falar con eles. Mentres, Teresa Ribera seguro que está a acariñar algún lobo", aseverou o candidato popular nas eleccións europeas Adrián Vázquez, durante unha visita ás instalacións da cooperativa láctea Clun, situadas no concello de Ames (comarca de Compostela)

A comitiva do PP durante a visita estivo integrada pola secretaria xeral dos populares na Galiza, Paula Prado; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o propio Vázquez, que incidiu na necesidade de levar a Bruxelas as demandas do sector agrogandeiro.

Para iso, os populares cren que son o partido que "ofrece solucións" porque ten en conta "o territorio" fronte a outras formacións que "poñen trabas e problemas" e sitúan gandeiros e agricultores "como culpábeis de todo", remarcou Paula Prado.

"Os únicos que non respectan o medio ambiente son o PSOE e o BNG co seu ecoloxismo radical", aseverou a número dous do PP galego, que reivindicou que Galiza ordeña "catro de cada dez litros de toda España" e é a décima rexión de Europa con maior produción de leite.

Nesta liña, apelou a lograr "unha Europa que se pareza máis á Galiza: moderada, sen extremismos, cumpridora, sen mentiras, igualitaria e sen discriminacións".

"Esta fin de semana fomos o corazón de Europa e o vindeiro domingo esperamos ser o corazón da vitoria do Partido Popular", concluíu, en referencia á xornada do sábado na que a presidenta da Comisión Europa, Ursula Von der Leyen, participou en actos de campaña na Galiza.

Comentarios