Davide Rodríguez, deputado de En Marea

"Villares está consolidado como portavoz. Está ao servizo de En Marea e non dos partidos"

Davide Rodríguez (Manzaneda, 1978) é deputado de En Marea, representando a formación na comisión de Medio Rural, tema que coñece ben, pois foi alcalde de Manzaneda e, antes, bombeiro forestal. É da minoría de parlamentares de En Marea na Cámara galega aliñado con Luís Villares, a quen ve consolidado como portavoz. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 302 de Sermos Galiza.

david rodriguez

-Estamos xa nas portas da tempada de alto risco de incendios. Foi bombeiro forestal, alcalde dunha pequena vila no interior (Manzaneda) e agora como deputado está na Comisión de Medio Rural no Parlamento de Galiza. Están os deberes feitos en materia de incendios?

-A Xunta de Feixóo, un ano máis, non fai os deberes. Ante as críticas da oposición adiantaron un pouco a presentación do Pladiga [Plan de prevención e defensa de incendios forestais] mais na elaboración dese plan continúa sen haber participación, non se convida todos os sectores. E o Pladiga, non esquezamos, debería terse presentado en xaneiro porque ten que centrarse na prevención e non o fai. É un corta e pega no que se actualizan as previsións de hectáreas queimadas. Ademais, o servizo de loita contra os incendios está desmantelado, non hai unha coordinación ou comunicación, nun incendio poden coincidir efectivos de sete ou oito entidades diferentes. E a isto engádense as condicións precarias dos axentes medioambientais, hai un desmantelamento do servizo público.
Falta pois un proxecto de país, de ordenación dos cultivos, do territorio. Estamos a piques de aprobar o Plan forestal onde vemos que se incrementa aínda máis a superficie do eucalipto.

4

-A cousa pinta mal, logo…

-Feixóo presentara após aqueles grandes incendios de outubro 30 medidas de urxencia, que viñan sendo unha emenda á totalidade das políticas do PP en medio ambiente nos últimos 30 anos. E desas medidas tan anunciadas non se aplicou ningunha. Non hai interese, está todo orquestrado. O negocio do lume para o PP existe. Existe, por exemplo, cando vemos que se presenta unha soa empresa de helicópteros para apagar os lumes… Os incendios son un gran negocio. Somos a primeira comunidade autónoma en investimento en extinción de incendios, chegamos aos 105 millóns de euros, case 25% do orzamento total da Consellaría para un ano! E somos a comunidade onde máis arde, é evidente que algo falla. 

-Os incendios son a punta do iceberg dunha problemática máis complexa e preocupante, na que conflúen desde a ‘eucaliptización’ ao despoboamento, abandono do rural…

-Temos que tirar da cabeza que o eucalipto é rendíbel: éo para as empresas, mais non o é para a xente nin o é socialmente. É rendíbel a base de espoliar os nosos recursos, de baleirar de contido os montes veciñais e man común para darllo a empresas privadas que o van dedicar a cultivos enerxéticos. E mentres mozos e mozas que queren instalarse no rural con proxectos produtivos non poden porque non teñen superficie, non a atopan porque está usurpada polo eucalipto. Para ter un rural vivo hai que asentar servizos, hai que apostar e confiar nel, na potencialidade que ten. Ou sexa, hai que facer o contrario ao que fai o PP.

(...)

-Considera que Luís Villares está consolidado como portavoz de En Marea após estes meses, co sucedido con Paula Quinteiro, a desautorización de boa parte dos parlamentares á súa postura, etc...?

-Está consolidado, por suposto. Luís ten unha capacidade de traballo brutal, está ao servizo de En Marea e non ao dos diferentes partidos. Ademais, é unha persoa honesta e cunha ética superior aos que estamos aí. Penso que ese é o camiño que ten que seguir el e que debemos tamén seguir os demais.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 302 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios