As declaracións da renda e o patrimonio de Rajoy están neste momento penduras na web da Moncloa. Non esclarecen nada relevante a respeito de se percibiu diñeiro en negro ou non proveniente do PP, porque é evidente que o diñeiro negro por definición é opaco, isto é, non se declara.
O que si poñen de relevo os dados é que en 2010 Rajoy percibiu 83.000 euros máis do que declarou como ingresos ao Congreso no momento de tomar a acta de deputado. Neste senso, como xa avanzaba a pasada sexta feira este medio, Rajoy tería percibido en 2010 --segundo o declarado no Parlamento-- máis de 98.000 euros. Porén, segundo a declaración publicada este sábado, o presidente español percibiu durante ese exercicio máis 181.000 euros en concepto de dietas e gastos de representación como líder do Partido Popular. Distintas fontes aseguran que persoas próximas ao presidente español aseguran que o desfase entre ambas as dúas declaracións responde a unha diferenciación entre o salario bruto e o neto.
Tres soldos simultaneamente e un incremento salarial do 30% en 2008
A decisión adoptada polo presidente de facer públicas as súas declaracións da renda e patrimonio deixou espido a Mariano Rajoy e os seus honorarios. Neste senso, o líder do Partido Popular --que non evitará con este striptease fiscal botar por terra a idea dos supostos cobros en negro-- fixo público o seu incremento patrimonial nos últimos anos.
O patrimonio de Rajoy incrementou nun 40% nos últimos seis anos
O soldo percibido polo dirixente político aumentou até nun 40% nos últimos seis anos pasando de cobrar cobrar 143.000 euros a 200.000 no ano 2011. A contía percibida tan só se refire aos pagamentos que anualmente lle son ingresados en calidade de presidente do PP polo que as redes sociais --cada vez empregadas de maneira máis habitual como tensiómetros da opinión pública-- ferveron en acusacións ao mandatario cuxas políticas de recortes distan moito do salario recibido.
O certo é que o incremento no soldo do popular foi parello ao superávit das contas do seu partido. A pasada sexta --e en aras da transparencia pregoada desde as filas do PP- a formación facía públicas as súas contas que reflectían uns ingresos substancialmente superiores aos gastos.
Entre 2004 e 2005 Rajoy percibía tres salarios, dous deles públicos
Porén, Mariano Rajoy non só percibía renda do partido, senón que mesmo chegou a cobrar de maneira simultánea tres salarios durante dous anos (2004 e 2005) en concepto de deputado, de secretario xeral do PP e como ex-ministro durante a época Aznar. Os seus ingresos roldaban neste período 240.000 euros anuais. Após a retirada da pensión correspondente ao Ministerio de Presidencia, o Partido Popular incrementou o salario do seu líder de maneira progresiva até alcanzar unha suba do 30% en 2008. Isto é, arredor de 8.000 euros ao mes.