Un avión ás 6 horas, outro ás 9 e o grupo de veciños e veciñas chega ao aeroporto de Charles-Le Roy e ao corazón da Administración europea. Non é a primeira vez que a camiseta vermella co lema Mina Touro-O Pino Non pisa as rúas de Bruxelas. A primeira foi hai dous anos, cunha invitación iniciativa de Compromiso por Galicia, que procuraba dar visibilidade á problemática. Daquela a plataforma xa cursara unha solicitude á Comisión de Peticións, mais esta non foi incluída na orde do día. “A segunda vez viñemos a unhas xornadas na que participaban organizacións da rede de plataformas contra a minaría, organizadas por Esquerda Europea a través da eurodeputada Lidia Senra. Entón a petición tampouco entrou”, explica a integrante da plataforma Isabel García.
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, integrada no partido europeo Os Verdes- Alianza Libre Europeo, recuperou a petición da veciñanza da gabeta. Unha vez tramitada convidou ás integrantes a asistir a Bruxelas para presentar as súas reclamacións.
Durante a visita ao Parlamento, integrantes da Comisión lembraron o esforzo que teñen realizado en Touro e O Pino desde agosto de 2017 na loita contra a minaría. Un camiño polo que teceron alianzas con diferentes colectivos, que mañá tamén contarán cun espazo para expoñer as súas reclamacións. “Vimos aquí sacrificando o noso tempo, traemos unha problemática cidadá a Bruxelas cun gran esforzo pola nosa parte, porque as nosas Administracións deixáronnos de lado”, reclamou García.