Remata o primeiro encontro entre Sánchez e Feixoo, que exerce como líder da oposición mentres segue na Xunta

O aínda presidente da Xunta, que segue sen confirmar cando dimitirá, actúa xa como líder da oposición. 
Primeiro encontro entre Feixoo e Sánchez na Moncloa. (Foto: Alberto Ortega/Europa Press)
photo_camera Primeiro encontro entre Feixoo e Sánchez na Moncloa. (Foto: Alberto Ortega/Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron nesta quinta feira o primeiro encontro desde que o galego foi escollido presidente estatal do Partido Popular (PP).

O encontro, que tivo unha duración de tres horas aproximadamente, decorreu de forma "moi cordial", segundo apuntou Feixoo, que xa exerce como líder da oposición, a pesar de non ter dimitido como presidente do Goberno galego.

Durante a reunión, na que abordaron os temas de actualidade que afectan ao Estado español, non chegaron a ningún acordo, segundo comentou o presidente do PP.

O encontro prodúcese após a reunión entre Feixoo e Felipe VI decorrida onte, e a cea que Sánchez manterá con Mohamed VI, rei de Marrocos, esta noite. Precisamente, ao remate da reunión, o presidente do Goberno español colleu un avión con destino Rabat.

Poder xudicial e economía

O presidente do Goberno español trasladou a Feixoo a necesidade de retomar a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), organismo que leva 'caducado'.

Antes da reunión, o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, afirmou na Cadena Ser que o Executivo "agarda que se recuperen consensos básicos que nunca se deberon abandonar".

Pola súa parte, Feixoo centrouse nas medidas económicas que vai adoptar o Goberno para paliar o efecto da suba dos prezos.

Nunha comparecencia posterior ao encontro, o presidente do PP sinalou que non chegou a ningún acordo para modificar o plan contra a suba de prezos que presentou a pasada semana o Executivo estatal.

Comentarios