Teresa Tábaos foi no período 2005-2009 unha das catro persoas que, en representación do Bloque Nacionalista Galego, asumiron funcións de goberno durante o chamado bipartito, o executivo de coalición entre a formación soberanista naquela altura liderada por Anxo Quintana e o PSdeG que daquela encabezaba quen sería titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Na súa calidade de arquitecta e boa coñecedora do sector na Galiza, Táboas —que nos últimos anos veu realizando a súa actividade profesional en México—reaparecerá na escena pública ao coprotagonizar este sábado unha xornada de En Marea baixo o título xenérico de "A Vivenda, máis aló do mercado. Un dereito efectivo". O acto terá lugar no salón Galicia do Hotel Santiago Apóstol, segundo informa o partido instrumental nun comunicado de imprensa.
Alén de Táboas, e entre outras persoas, participarán na xornada a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira; o director de Planificación e Procesos Operativos de Vivenda, Medio Ambiente e Planificación Territorial do goberno vasco, Mario José Yoldi Domínguez; o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (BNG); o concelleiro de Espazos Cidadás, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais do concello de Santiago, Jorge Duarte (Compostela Aberta); ben como os profesores de Xeografía e Historia da USC e de Arquitectura da UDC, Rubén Lois e Xosé Anxo Carreira, respectivamente.