A Xunta Electoral apercibe Rueda por respaldar Feixoo desde un atril da Xunta da Galiza

A XEC desestimou o recurso interposto pola Xunta e ratifica que "estivo xustificada a procedencia" de instar a Rueda a que en futuros actos institucionais "extreme a súa dilixencia para evitar vulnerar o principio de neutralidade" que os poderes públicos "están obrigados a respectar durante o proceso electoral".
Alfonso Rueda, após unha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, após unha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

A Xunta Electoral Central (XEC) ratificou o apercibimento ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por pronunciar, durante a campaña do pasado 23-X e a preguntas dos xornalistas, unhas palabras de respaldo ao seu xefe de filas e candidato do PP á Moncloa, Alberto Núñez Feixoo, desde o atril institucional.

En concreto, os feitos denunciados remóntanse á rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico do 20 de xullo, cando, entre outras cuestións, Rueda avaliou o resultado do debate de Feixoo co socialista Pedro Sánchez e incidiu en que o seu obxectivo era contribuír desde Galiza a que este obtivese o mellor resultado nas urnas.

A Xunta Provincial da Coruña reprendeu o mandatario e a Xunta presentou recurso fronte á amoestación cunha dobre pretensión: que se anulase o acordo recorrido por "indefensión" e que se declarase que as manifestacións obxecto do procedemento non vulneraron a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

En concreto, o artigo que, segundo a xunta coruñesa, se vulnerou é o 50.2 desta norma, relativo a que desde que se convocan as eleccións até que se celebran prohíbese "calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que utilice imaxes ou expresións coincidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas concorrente ás eleccións".

A XEC desestimou o recurso interposto pola Xunta e ratifica que "estivo xustificada a procedencia" de instar a Rueda a que en futuros actos institucionais "extreme a súa dilixencia para evitar vulnerar o principio de neutralidade" que os poderes públicos "están obrigados a respectar durante o proceso electoral".

Este acordo é firme en vía administrativo, aínda que se podería recorrer ante o Tribunal supremo no prazo de dous meses da súa notificación.

Nos seus argumentos, a XEC determina que a presentación deste recurso permite ao Executivo galego formular "de maneira completa as súas alegacións", polo que entende que neste trámite queda emendada a "inicial indefensión" exposta pola Xunta.

Xa sobre o fondo, afirma que a realización de apreciacións valorativas como as que fixo Rueda, "en respaldo do candidato" do seu partido, e en paralelo "en demérito dos candidatos doutras formacións políticas", podería resultar "lexítima" no curso dun acto de campaña ou no ordinario exercicio da liberdade de expresión, pero "non no desempeño da actividade institucional propia dunha autoridade pública".

"Falta de dilixencia"

A XEC non atende as alegacións do Goberno galego, que esgrimiu que respondía as preguntas dos xornalistas, debido a que se lle solicitou a súa opinión persoal, e subliña que se atopaba intervindo no curso dun acto institucional e como presidente dos galegos.

Considera que, do mesmo modo que noutras vulneracións do artigo 50.2 da lei electoral por parte doutros cargos, Rueda incorreu "en falta da dilixencia debida para evitar a introdución de manifestacións con connotación electoralista no curso dun acto institucional, como é a rolda de prensa posterior" ao Consello da Xunta.

Fíxoo, agrega, "actuando sempre como presidente e non a título persoal, nin como alto cargo dun partido político, mesmo cando -no marco e cos recursos propios que ten asignados como presidente da Xunta- emitiu unha opinión propia do alto cargo dun partido político".

Comentarios