O BNG DEMANDA A TRANSFERENCIA DA AUTOPISTA DO ATLáNTICO

Os beneficios de Audasa multiplican por 17 o que gasta a Xunta en investigación

O grupo parlamentar do Bloque presentou unha proposición de lei para recuperar a xestión da autopista amparándose nas competencias que outorgan o Estatuto e a Constitución. 

O da autopista que conecta o eixo atlántico é "un abuso" ao entender do BNG. Así o volveron denunciar as deputadas da organización frontista, Ana Pontón e Rosana Pérez, após presentaren a iniciativa lexislativa coa que o Bloque demandará a transferencia da AP-9 a Galiza. "Non é un problema legal" que as competencias sobre a xestión do vial non pasen a Galiza "é un problema de vontade política", afirmou Pontón. 

Desde a organización frentista lembran que o Estatuto de autonomía de Galiza e a Constitución español recollen a competencia do goberno galego para xerir as súas conexións interiores.

O Bloque denuncia o "abuso"  

A razón que motiva a iniciativa presentada polo grupo nacionalista reside na vontade d@s nacionalistas por rematar cunha "historia", a da AP-P, marcada pola "neglixencia" a "discriminación" e o "abuso", denunciou Pontón. E é que o mantemento e conservación da vía custará á Xunta máis de 829 millóns de euros en 2015. Cifras como os beneficios da empresa concesionaria que supoñen "dezasete veces máis" que o investido polo executivo de Núñez Feijóo en investigación.

A Xunta paga en concepto de mantemento e conservación da vía 829 millóns en 2015

Un "abuso", di, se a esa cifra se lle engade o diñeiro recadado pola concesionaria, Audasa, através da peaxe. Segundo as estimacións do BNG, a empresa recolleu 320 mil euros ao día o pasado 2014 ou o que é o mesmo máis de 116 millóns de euros en todo o ano.

4 mil millóns de beneficios

Até rematar a concesión, apuntan as deputadas nacionalistas, Audasa obterá por volta dos 4 mil millóns de euros saídos dos petos das utentes. Un "auténtico abuso" ao que lle queren pór fin desde o BNG através da transferencia da vía á Xunta de igual maneira que a A-8 foi transferida ao goberno da Comunidade autónoma vasca. 

Desde o Bloque afirman que Audasa non está a ofrecer un servizo polo que se está a pagar como reflectiron os engarrafamentos do verán. "A xestión que se está a dar desde Madrid é a proba de non se está a resolver un problema que para nós é vital", dixo Rosana Pérez. 

Comentarios