A CIG refusa a OPA ao Sabadell do BBVA por "aumentar a precariedade"

Os bancos aumentan a presión sobre o persoal. 
Reunión esta terza feira das seccións sindicais do BBVA e Sabadell (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión esta terza feira das seccións sindicais do BBVA e Sabadell (Foto: Nós Diario).

A CIG manifestou onte o seu rexeitamento á oferta pública de adquisición (OPA) hostil que o BBVA quere lanzar para facerse co 100% do Sabadell, ao considerar que avanza na "concentración" do sector bancario, e supón perda de emprego e "máis precariedade laboral".

Así o trasladou a central nacionalista tras unha reunión en Santiago das seccións sindicais de ambas as dúas entidades bancarias, na que se abordou a situación creada tras o fracasado intento de fusión e o anuncio da OPA por parte do BBVA. 

Para a CIG, unha reestruturación, sería a "destrución de empregos e un novo feche de oficinas", aumentando "as dificultades no acceso aos servizos bancarios".

Ademais, sinalan que xa hai un "aumento da presión sobre o persoal" e unha "sobrecarga de traballo". 

No caso do BBVA, eleváronse os obxectivos para o segundo cuadrimestre para que "o traballo de catro meses se faga en tres". No Sabadell, pola súa parte, existe unha "desmesurada presión" para vender produtos financeiros e conseguir obxectivos, medrando desta maneira "a precariedade laboral".

Comentarios