Contundente triunfo do ‘non’ na consulta galega sobre o convenio de centros de chamadas

O 95% dos 1.504 traballadores que tomaron parte no referendo rexeitaron o preacordo atinxido polas centrais estatais.

consulta CIG centros de chamada

Máis de 1.500 persoas participaron no referendo convocado pola CIG-Banca entre o persoal dos Centros de Chamadas para que manifestasen co seu voto o parecer sobre o preacordo para o sector acadado entre as centrais estatais e a patronal.  No proceso de votación participaron un total de 1.504 persoas. O rexeitamento ao preacordo de convenio foi moi amplo, 95,3% e só 4,1% manifestaron o seu apoio. A CIG  avalía moi positivamente a participación e o resultado e considera que “trunfou a democracia sindical fronte a un modelo déspota que exclúe os traballadores e traballadoras  da toma de decisión sobre a sinatura de acordos que lle afectan”.

O sindicato nacionalista entende que o resultado é “contundente e claro” e deixa claro que “o persoal en Galiza rexeita os termos do Preacordo de Convenio asinado polas cúpulas directivas de CCOO, UGT e as empresas”. A CIG-Banca advirte ademais de que se alguén quere quitarlle lexitimidade a este resultado, “simplemente dicirlle que se atreva a poñer as urnas para que vote todo o persoal afectado por un mal Preacordo”.

A CIG xa manifestou no seu momento o seu rexeitamento ao preacordo de convenio colectivo que foi asinado a finais de marzo por CCOO, UGT e a patronal das empresas Contact Center (CA) porque provocará perda de poder adquisitivo; non avanza na estabilidade no emprego e dá un maior poder para as empresa en materias tan sensíbeis como os horarios.

Comentarios