Mariscadores do Burgo exixen axudas mentres non poidan traballar na ría

Deben pasar entre 18 e 24 meses até que a cría de marisco sementada após as obras de dragaxe alcance a talla comercial
Mariscadores do Burgo, esta sexta feira, na ponte da Pasaxe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mariscadores do Burgo, esta sexta feira, na ponte da Pasaxe. (Foto: Nós Diario)

Mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo (comarca da Coruña) secundaron esta sexta feira unha nova mobilización e cortaron o tráfico dun carril na ponte da Pasaxe, en dirección entrada á cidade da Coruña, para exixir unha "saída económica" mentres a recuperación da ría após as obras de dragaxe non lles permita traballar. Igualmente, volven reclamar aos Gobernos español e galego que senten a negociar co colectivo. 

"Queremos unha saída económica que solvente as perdas que imos ter durante estes 18 ou 24 meses que teñen que pasar desde que se sementa a cría do marisco até que alcance a talla comercial", expuxo esta sexta feira o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, que recordou que, coa finalización da dragaxe da ría rematan as compensacións económicas.

"A nosa pena é que o Ministerio fai caso omiso e unha vez máis sitúase ante o grande, ante a empresa, e desatende o medio ambiente e o futuro económico das traballadoras e dos traballadores", denunciou sobre unha situación que afecta 76 familias. 

Corte no tráfico

Por este motivo, arredor de medio cento de persoas, tras unha pancarta co lema "Por unha obra ben rematada, por unha ría produtiva", secundaron esta sexta feira unha marcha cortando un carril da ponte da Pasaxe, entre os termos municipais de Oleiros e A Coruña. Debido a esta protesta, que finalizou na rotonda de entrada á avenida Alfonso Molina, rexistráronse retencións de dous quilómetros nos accesos á cidade herculina e nos municipios próximos, segundo fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

A próxima mobilización do colectivo en demanda de medidas, avanzou Baldomir, decorrerá a vindeira sexta feira, tamén na Pasaxe. "Non queremos chegar a estas tesituras pero vémonos empurrados polas Administracións ao non ofreceren unha saída"

Comentarios