O paro rexistrado baixa en 4.298 persoas mentres os contratos temporais aumentan en 10% nun só mes

O descenso do desemprego concentrouse principalmente en servizos e, en moita menor media, no resto de sectores.
Imaxe de arquivo de consumidores nas terrazas da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #coronavirus #covid19 #restricións #sergas #pandemia #acoruña #terrazas #hostalaría
photo_camera Terrazas da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O paro rexistrado descendeu en maio na Galiza en 4.298 persoas, unha baixada de 3,4% a respecto do mes anterior. Este descendo produciuse nomeadamente no sector servizos (-3.221), mentres foi máis discreto en industria (-406), construción (204 persoas desempregadas menos) e agricultura e pesca (-165). Así, a 31 de maio, o número de persoas rexistradas no paro na Galiza é de 122.036.

Maio é un mes tradicionalmente positivo para o emprego, ligado á reactivación coa primavera e a chegada do verán de sectores como o da hostalaría ou o turismo.

Maio deixou un importante aumento da contratación temporal, que en só un mes aumentou en case 11%. Fixéronse en maio 41.496 contratos temporais. No acumulado do ano, os contratos realizados na Galiza son 269.071, a maioría temporais (177.396, 65,9% do total), mentres que os indefinidos só son o 34,1% (91.675).

De feito, este é un dos factores nos que se incidía esta terza feira desde a CIG, o sindicato maioritario na Galiza. "80% das novas afiliacións á Seguridade Social en maio foron con contrato fixo descontinuo ou temporal.  O descenso do desemprego produciuse case exclusivamente no sector servizos, polo que segue a medrar a temporalidade e a parcialidade", apunta a central.

O secretario confederal de Emprego, Paco Sío, considera que a pesar dos datos que amosan un descenso do paro, “na central sindical vemos con preocupación a evolución do mundo do traballo polo tipo de emprego que se está a crear e polas condicións nas que acceden as persoas traballadoras ao mercado laboral”.

Para a súa secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do emprego tanto por sexos como por sectores de actividade responden "en boa medida" á contratación estival. Tomando como referencia as afiliacións ao réxime xeral e de autónomos, tres de cada dez empregos corresponden á hostalaría, apunta. CCOO demanda políticas sectoriais para "diversificar a actividade e consolidar a creación de emprego".

Por último, desde a UXT da Galiza indican a través dun comunicado que "non hai dúbida do bo momento que está a vivir o mercado de traballo, cuns niveis de emprego récords asentados na contratación estábel e de calidade". A Xunta , pola súa parte, destaca que a Galiza alcanzou en maio ou dato máis baixo de desemprego desde que hai rexistros (ano 1996).

Prestacións

As prestacións -cun mes de atraso sempre con respecto aos datos do paro, é dicir, as correspondentes a abril- supuxeron un investimento de 82,1 millóns. A contía media de prestación é de 945,3 euros. Os beneficiarios de prestacións por desemprego son 82.164 na comunidade. Foi un mes no que se produciron 30.431 solicitudes e 28.755 altas, cun prazo de recoñecemento de 0,65 días.

Comentarios