Persoal de Navantia Ferrol corta o tráfico para pedir avances na negociación do convenio

Con anterioridade, ás 7 horas da mañá desta cuarta feira, o persoal de Navantia participou nunha asemblea no estaleiro.
Persoal de Navantia corta a estrada en Ferrol (Foto: Europa Press).
photo_camera Persoal de Navantia corta a estrada en Ferrol (Foto: Europa Press).

Persoal de Navantia Ferrol cortou á primeira hora da mañá desta cuarta feira, desde as 7.20 horas, o tráfico de vehículos entre as avenidas de Irmandiños e Taxonera coa avenida de Esteiro, cunha 'barricada' formada por varios pneumáticos que foron queimados.

Con anterioridade, ás 7 horas da mañá desta cuarta feira, o persoal de Navantia participou nunha asemblea no estaleiro e, posteriormente, abandonou estas instalacións para iniciar a acción de protesta.

Un dos integrantes do comité de empresa, Roberto Calvo, asegurou que puxeron en marcha esta protesta, como "unha mobilización sorpresa", xa que esta cuarta feira unha delegación de compañeiros e compañeiras está en Madrid para continuar coas negociacións do convenio.

"Esta acción é para arroupalos, un toque de atención e para que vexan que non estamos cos brazos caídos, posto que nos importan os avances desta negociación", explicou Calvo sobre o corte da estrada provocado polo persoal na cidade de Ferrol.

Así, o representante sindical detallou que "os avances non son moitos de momento", mais esperan que, a partir desta semana, "xa se vexan". Nese sentido, lembrou que o presidente de Navantia trasladou hai días que querían incrementar a intensidade das negociacións, coa intención de "asinar o convenio antes de verán", e matizou que, para iso, "hai que pór as cousas encima da mesa".

Retencións

Esta 'barricada' e a mobilización dos operarios do naval, provocou importantes retencións na zona, xa que se cortou un dos puntos con máis tráfico da cidade de Ferrol, sobre todo a esas horas nas que moita xente se despraza ao traballo.

Comentarios