O proxecto EspazoCoop Emprende asesorará a posta en marcha de 120 cooperativas até 2029, unha vintena por ano, o que suporá que perto de 200 persoas desempregadas poidan atopar traballo.
Esta cuarta feira, a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop presentou en Compostela esta iniciativa que recibirá máis de medio millón de euros da Unión Europea (UE) a través do Fondo Social Europeo Plus no período 2023-2029.
A directora xerente de EspazoCoop, Lucía Mendoza, explicou que o obxectivo que se persegue é o da creación de emprego. Para iso, márcanse metas como a participación de 360 persoas desempregadas durante os anos de vixencia do proxecto (2023-2029), das cales se prevé que 192 consigan traballo.
Os colectivos destinatarios principais son as persoas desempregadas, sobre todo de longa duración, mais tamén está dirixido a aquelas persoas con emprego tanto por conta propia como allea e ás que queiran transformar o seu modelo de negocio.
Proxecto
Esta iniciativa ten como obxectivo aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de compañías e iniciativas de autoemprego colectivo creadas baixo fórmulas de economía social, así como sentar as bases para a súa supervivencia a través de servizos de apoio e asesoramento ao emprendemento.
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases.
Entre outras cuestións, hai itinerarios personalizados e formación tamén para axudar a estabilizar empresas e facer que sexan viábeis, da mesma maneira que se apoia na tramitación de axudas ou en materia fiscal.