"Sen retribución non hai conciliación!": Mobilizacións da CIG para denunciar a "fraude" do Goberno español na conciliación no RDL que leva ao Congreso

A norma non recolle que o permiso parental sexa retribuído ou que de lactación acumulada sexa de 28 días.
cig pontevedra concentración
photo_camera Concnetración en Pontevedra (Foto: CIG)

Delegadas e delegados da CIG concentráronse esta cuarta feira diante da Delegación do Goberno na Coruña, as Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo, o edificio gobernamental de Vigo e as oficinas do INSS de Ferrol e Compostela para denunciar “a fraude” do Executivo español no relativo aos supostos avances nos dereitos de conciliación incluídos no Real Decreto Lei 2/2024, que esta quinta feira se debaterá e votará no pleno do Congreso.

A ministra de Traballo e Vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, manifestou no propio día que publicou o RDL que se fixa en 28 días o permiso por lactación, independentemente do que se dispoña no convenio. "Cáusanos indignación esta afirmación por parte de Díaz, cando non é certa, como tampouco é verdade que nesta norma se recolla que o permiso parental pase a ser retribuído, tal e como aseguran algunhas centrais sindicais", criticou durante a concentración na Coruña a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro.

Advirte que este RDL non muda a normativa nestas materias, aínda que na parte introdutoria se afirme que a través deste o Estado español incorpora todas as esixencias marcadas pola Directiva Europea 2019/1158 de conciliación da vida familiar e laboral.

Castro lembra que a Unión Europea esixe que se atenda o custe económico asociado aos permisos de coidado, incluíndo este permiso parental "que ten que ser un permiso diferenciado dos vinculados ao nacemento".

Denuncia tamén que con este decreto semella que o Goberno español fai "un intento de lavar a cara", mais sen asumir a prestación compensatoria vinculada ao goce do permiso parental para "cumprir así realmente cos deberes marcados desde Europa".

Para a representante da CIG esta simulación carece de sentido cando "o que cómpre é abordar a materialización deste dereito e deseñar uns dereitos para a conciliación amplos e suficientes".

Castro salienta que "son moitas as melloras pendentes para poder falarmos duns dereitos de conciliación dignos e suficientes". No relativo á lactación, lamenta que o Goberno español perda a oportunidade de blindar e estender a protección do permiso de lactación acumulado para cada persoa proxenitora concretando a duración nos 28 días. Unha duración "anunciada pola ministra de Traballo a viva voz pero que nunca apareceu concretada".

Tampouco recolle, nin ten pensado abordar a posibilidade das familias monomarentais ou monoparentais a poder gozar da lactación correspondente á outra persoa proxenitora, mantendo esta discriminación para as crianzas cunha soa persoa proxenitora, no tempo de coidado retribuído.

Comentarios