A Xunta arquiva un caso de 'mobbing' sen escoitar a acosada mais tendo en conta o testemuño da xefa, "responsábel" do acoso

A Consellaría de Educación arquivou un expediente de acoso laboral sen escoitar a traballadora presuntamente acosada nin ao traballador que denunciara ante Inspección esta situación. Mais si que tivo en conta para tomar esa decisión a testemuña da xefa sinalada como unha das responsábeis dese acoso. A Valedora do Pobo vén de pedir a Educación que leve a cabo unha nova avaliación do expediente.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugura a Xornada de formación dos equipos de actuación contra o acoso escolar.
photo_camera O conselleiro de Educación, Ramón Rodríguez, nun acto en abril contra o acoso escolar. (Foto: Xunta da Galiza)

Unha traballadora do EOE (Equipo de Orientación Específica) da Coruña solicitou a intervención da Valedora do Pobo a raíz do arquivo por parte da Consellaría de Educación do expediente de acoso laboral  no que ela era afectada.

Esta traballadora mostraba o seu desacordo coa instrución do procedemento por parte do  Comité encargado do mesmo. "Non se lle comunicou [a esta traballadora] que actuacións de investigación se fixeron ao respecto e non lle foi requirida ningunha información adicional nin se lle entrevistou", indica a Valedora nun expediente que vén de publicar na súa páxina web en aplicación do principio de transparencia.

Mais non é só que a persoa presuntamente vítima dun acoso laboral non fose escoitada neste procedemento. Tampouco se pediu ningunha declaración aos seus compañeiros no EOE, nin sequera ao traballador "que se tiña dirixido á Inspección denunciando o posíbel acoso" cara a esta persoa.

A versión da xefa

Porén, indica a Valedora do Pobo no seu expediente, si que neste se recollía o testemuño da xefa á que se sinalaba como responsábel da situación de acoso da subordinada. "O informe estaba elaborado coas testemuñas da inspectora coordinadora do EOE. Porén, cómpre lembrar que esta persoa era a sinalada pola denunciante como unha das que a sometían ao acoso laboral. Polo tanto dáse a contradición de que unha das persoas cuxas condutas se sinalan como posíbel acoso sexa a que informa que non hai acoso comprometendo, así, a independencia do procedemento e poñendo en cuestión a obxectividade do mesmo".

O inspector xefe "non tivo contacto coa interesada,  polo que o informe baséase fundamentalmente na indagación de feitos tanxíbeis e informacións facilitadas" pola persoa sinalada como posíbel responsábel do acoso, reitera a Valedora.

Sen protocolo propio

Desde esta institución lembran que a Consellaría de Educación carece dun protocolo propio contra o acoso laboral, polo que se rexe polo procedemento 'xeral' da Administración galega aprobado en 2016 e en base ao que se creou o Comité de Intervención, encargado de investigar os casos de acoso laboral e que, neste en concreto, optou por arquivalo, dando lugar á presentación dunha queixa ante a Valedora.

"Os beneficios da implantación dun protocolo [propio para a Consellaría] de acoso son incuestionábeis", asevera esta institución. Nas recomendacións que fai ao abeiro deste caso, pide que se valore "incorporar nos protocolos para a prevención, detección e resolución de situacións de acoso no ámbito laboral a figura dun asesor confidencial, que faga posíbel resolver os conflitos dunha maneira áxil e informal".

Comentarios