A Xunta, condenada por "infracción grave" dos dereitos de traballadores do Sergas

A Sala do Contencioso-Administrativo de Ourense e o TSXG coidan contraria a dereito a non renovación dunha auxiliar de enfermaría após unha baixa por enfermidade mais tamén o encadeamento de contratos temporais por unha "vía fraudulenta". 

Interior de centro hospitalario
photo_camera [Imaxe de arquivo]

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso presentado pola Xunta contra unha sentenza da Audiencia de Ourense na que foi condenada após non renovar o contrato dunha auxiliar de enfermaría do hospital de Verín cando esta estivo de baixa por enfermidade. 

A Audiencia de Ourense e o TSXG sinalan que o Sergas usa o encadeado de contratos temporais para ocultar contratacións indefinidas unha vía que, din, é "fraudulenta"

O Superior de Xustiza ratifica a decisión adoptada en primeira instancia e coida que o Sergas cometeu unha "infracción grave" dos dereitos da traballadora "ao non renovarlle o seu nomeamento" a unha persoa que "levaba traballando de maneira continuada e ininterrompida durante un prolongado período de tempo", neste senso superior a 4 anos, "pola única razón da baixa por enfermidade". 

Así, obriga a que o Sergas restitúa a traballadora no seu posto mentres non sexa creada ou provista a praza que ocupa de maneira temporal através do correspondente procedemento de "concorrencia competitiva" ou amortizada "se por circunstancias ben xustificadas, resultase innecesaria". 

Asemade, na sentenza o Tribunal Superior de Xustiza sinala que a administración estivo a usar unha "via fraudulenta" para "ocultar unha contratación indefinida do persoal". Isto é, usaba contratos temporais encadeados para manter nun mesmo posto de traballo a mesma persoa durante 4 anos. Un feito que, sinala o tribunal, constitúe unha "relación xurídica indefinida temporal" que, aliás, foi finalizada "aproveitando unha baixa temporal" algo que, di, "non é de recibo". 

Comentarios